5412 persoas gozando a San Silvestre 2023

5412 persoas gozando a San Silvestre 2023

5412 persoas que confiaron en que non chovía, que tiñan ganas de despedir o ano facendo deporte e divertíndose cos seus. Grupos de amigos, familias, entidades deportivas, asociacións e persoas que desfrutan de correr soas déronse cita este 31 de decembro na Ponte do Burgo.

A organización aproveitou para facer un recordo e darlle un aplauso a un dos voluntarios máis senlleiros, orgulloso sempre da súa cidade “la ciudad del deporte” como él contaba que lle dicían cando viaxaba por aí, que finou inesperadamente a noite antes. Estamos seguros de que Benjamín Blanco, “o tigre de Tafisa” como era coñecido no mundo do ciclismo, se emocionou co aplauso que lle adicaron todos os presentes igual que se emocionaba nos eventos nos que participaba como voluntario.

E como él ben sabía, todo continúa, e continuou coa presentación de Tere Abelleira. Unha campioa do Mundo de fútbol que accedeu a ser a encargada de dar o pistoletazo de saída da carreira. Foi moita xente a que lle pediu fotos, a que se achegou a felicitala e agardamos que sentise todo o cariño da xente e da organización. Demostrou a súa calidade humana, a amabilidade e a disposición. Como xa dixemos, unha campioa en todos os sentidos posibles. De novo, grazas, Tere.

Durante todo o percorrido houbo charangas, música, xente animando e moita diversión. Na meta o ambiente foi inmellorable e ata alí chegaron os primeiros corredores. Na categoría masculina o podio estivo formado por Jorge Puig, Gustavo Santiago e Hugo García e o feminino por Natalia Castro, Sabela Martínez e Isa Caeiro, sendo estas dúas, ademáis, atletas da Gimnástica.

Os primeiros en categoría masculina e feminina foron agasallados cun trofeo, una rosca proporcionada por A Devesa e o tradicional lacón, obsequio de Froiz. Os segundos e terceiros postos non foron de mans baleiras, posto que, ademais do trofeo, levaron cada un unha rosca da que sabemos que deron boa conta!

Na categoría de disfraces, ó non haber disfraces de grandes grupos, o xurado decidiu dar dous premios individuais, sendo estes para La abuela pitufa e o buzo.

Outro ano despedido con deporte e festa… 5412 grazas de parte da organización e do Banco de Alimentos de Pontevedra. A vosa diversión vai ser unha grande axuda para moitas persoas.

Vémonos no 2024!!

Presentación XL San Silvestre Pontevedra – 2023

Presentación XL San Silvestre Pontevedra – 2023

Esta mañá tivo lugar a presentación da XL edición da San Silvestre de Pontevedra. O encontro foi na praza da Peregrina e a él asistiron Víctor Riobó, director técnico da proba, Charo Castro, presidenta da Gimnástica, Anabel Gulías, portavoz do Goberno local e María Troncoso, representante de Coca Cola.

A presentación foi en torno ó carácter popular e lúdico da carreira, como así o plasmou Berto Fojo, autor do cartel, inspirándose nas ilustracións sobre xogos de mesa de Alain Greé, debuxando Berto un circuíto apto para todos os públicos, sinxelo, con ese carácter familiar pero sen esquecer ese puntiño de competición. Levou a ilustración á cidade misturando elementos do tradicional xogo da Oca, do Nadal, personaxes correndo e de lugares emblemáticos que forman parte do percorrido.

Cabe lembrar que, aínda que hai premio para os primeiros corredores e os mellores disfraces, o circuíto ten pouco máis de 3 kilómetros, desenrolándose case na súa totalidade polas rúas do Casco Antigo de Pontevedra e que o groso da participación son familias, clubes e entidades deportivas, que atopan neste evento a forma máis divertida e saudable de despedir o ano xuntos.

Polo de agora a Gimnástica repartiu máis de 2500 dorsais, agardando que a cidadanía rompa coa tradición de ir recoller o seu no último momento, sobre todo porque, lembramos, o número de dorsais é limitado.

A carreira deste ano conta, ademais do Concello de Pontevedra, con colaboradores como Froiz, que proporcionará o chocolate que recibirán os corredores ó cruzar a liña de meta, A Devesa, que acompañará cuns ricos croissants para repoñer forzas, Coca Cola, que pon a auga para que ninguén pase sede e Galmotor, Miler e Hotel Rías Bajas, que colaboran coa parte “na sombra” proporcionando o transporte o primeiro e os locais para a entrega de dorsais os dous últimos. Sen eles e sen a colaboración dos participantes esta carreira non é posible.

Os representantes da organización suliñaron o carácter solidario que, como cada ano, ten a carreira. Este ano incluíuse no Regulamento da proba a obriga de aportar un kilo de alimento non perecedeiro por cada dorsal para colaborar co Banco de Alimentos de Pontevedra e a resposta de todos os participantes está sendo, como sempre, de 10.

Todos eles remataron agardando vervos a todos o día 31 ás 17 horas na Ponte do Burgo preparados para que toda unha campiona do mundo de fútbol como é Tere Abelleira dé a saída desta XL edición da San Silvestre 2023. Non hai un plan mellor para despedir o ano.

Tere Abelleira dará a saída na San Silvestre 2023

Tere Abelleira dará a saída na San Silvestre 2023

A centrocampista da Selección Española de fútbol e vixente Campiona do Mundo (Sydney, 2023) será a encargada de dar a saída da San Silvestre de Pontevedra 2023.

Tere Abelleira, peza máis que fundamental na clasificación para a final e puntal do equipo, formouse en diversos clubes da provincia, entre os que destacan o Poio Pescamar, antes de dar o salto á Segunda División, pero o que moitos descoñecen é que tamén ten un pasado Gimnástico, pois Tere foi parte das Escolas da Sociedad Gimnástica na tempada 2007-2008, pertencendo á categoría Benxamín.

Uns cantos anos despois volve como un referente do seu deporte, como unha das pioneiras, a dar a saída da San Silvestre o 31 de decembro, na Ponte do Burgo, ás 17 horas.

Dende a Gimnástica, onde gardamos un gran recordo dela, agradecémoslle a súa disposición e a colaboración connosco para facer que esta XL edición sexa un pouco máis especial. Unha Campiona do Mundo, nada menos! Grazas, Tere!

A San Silvestre 2022 gañoulle a partida á choiva

A San Silvestre 2022 gañoulle a partida á choiva

A San Silvestre de Pontevedra 2022 quedará marcada no calendario como unha das que peor climatoloxía tivo. Participaron cerca de 5000 persoas.

Pouco antes de que comezasen a correr os deportistas comezou a chover fortemente. Porén os pontevedreses non se renderon e celebrouse o evento con normalidade. Os disfraces e a alegría volveu reinar nas rúas de Pontevedra despois dos dous anos cunha rara San Silvestre debido á pandemia.

Os gañadores desta edición foron en categoría masculina:

  1. Jorge Puig
  2. Hugo García
  3. Gustavo Santiago

En en feminina:

  1. Sabela Castelo
  2. Isabel Caeiro, da Sociedad Gimnástica de Pontevedra
  3. Branca Fernández

En total, entregáronse 4.960 dorsais. Non se cumpriu o obxectivo de superar o récord de 7.000 participantes do 2019. Posiblemente o mal tempo destes días lastrou que as inscricións tiveran un número máis alto.

Homenaxe a Gustavo Dacal

Uns minutos antes de que se dese a saída, organizouse unha homenaxe a Gustavo Dacal. O obxectivo era dar visibilidade para que a xente o axudase na dura loita á que se está enfrontando.

A San Silvestre de Pontevedra é unha gran festa deportiva

A San Silvestre de Pontevedra é unha gran festa deportiva

O 31 de decembro, a Sociedad Gimnástica de Pontevedra converte a cidade do Lérez nunha gran festa deportiva grazas a San Silvestre. Milleiros de cidadáns cálzanse as zapatillas para saír a mover o esqueleto durante aproximadamente 4km. Este ano, é aínda máis unha San Silvestre deportiva.

Dende a entidade organizadora enviamos unha mensaxe aos clubs deportivos afincados no Concello de Pontevedra para que realizaran una inscrición previa á San Silvestre. A idea era potenciar, entre todos, un deporte san na nosa cidade.

Xa obtivemos as primeiras respostas cun total de 308 inscritos. Estes pertencen ás seguintes organizacións:

  • 73 do Club Natación Galaico.
  • 107 do Club Amigos do Baloncesto de Pontevedra.
  • 11 do Tenis de Mesa de Monteporreiro.
  • 96 da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra
  • 21 da Escola de Fútbol Porteiro 2000

A Sociedad Gimnástica de Pontevedra tamén é consciente de que moitos dos e das deportistas pontevedreses seguro que se inscriben máis adiante, sen facelo a través do club. Ano tras ano, unha meirande parte dos participantes da San Silvestre sempre pertencen a entidades deportivas.

Iso si, nós agradecemos a estes cinco clubs a súa participación e a súa unidade de cara esta San Silvestre 2022.

Lembramos tamén que a San Silvestre pódese realizar en patíns ou en cadeira de rodas, non só a pé. Se participas nalgún destes modos, hai que cubrir as norma á hora da saída:

  1. Corredores/as pedestres
  2. Deportistas menores de idade
  3. Deportistas con mobilidade reducida (carriños de nenos, cadeiras de rodas….)
  4. Patinadores/as