I Cros Cidade de Pontevedra 2024

I Cros Cidade de Pontevedra 2024

Comezou a tempada para os máis pequenos no I Cros Cidade de Pontevedra celebrado a mañá deste domingo 10 de novembro na Illa das Esculturas, con case 700 deportistas inscritos.

Foi unha mañá na que os cativos se puxeron a proba nun circuíto cheo de barro nunha mañá na que a chuvia non fixo demasiado acto de presenza.

Inauguraron a mañá, dentro do Zonal de Xogade de Pontevedra-Salnés-Ulla Umia, de categoría cadete (mixto), onde o máis rápido dos rapaces foi Martín Otero, do Pinarium, seguido por Joaquín González, da Gimnástica e de Pablo Barreiro, tamén do Pinarium. No caso das rapazas, a primeira en completar o circuíto foi Sabela Abarca, da Gimnástica, seguida da súa compañeira, Carla Santoro, sendo terceira a atleta do Pinarium, Matilda Veiga.

A seguinte categoría en tomar a saída foi a infantil, cun podio que formaron Daniela Bayón, do Club Atletismo Cambados, Adriana Fraga, do Rías Baixas e Irene Burgos, do Beade, no caso da categoría feminina e por Xurxo Varela do Ría Arousa O Grove, Ángel Rodríguez do Beade e Paio Estévez, da Gimnástica.

Xusto despois foi turno dos alevíns, onde o primeiro posto masculino foi para Antón Fuentes, do Beade, o segundo para André Rodríguez, do Comesaña Sporting Club e o teceiro para Santiago Domínguez. O primeiro gimnástico en pasar por meta foi Teo Castiñeira, quen foi cuarto. En categoría feminina a máis rápida foi Lía Geralavicius, seguida das atletas do Beade, Fernanda Mateo e Mía Lago. O cuarto e quinto posto foron para Silvia López e Sofía Diz, ambas atletas gimnásticas.

Pecharon a parte da competición correspondente ó zonal de Xogade os benxamíns, onde foi primeiro Nico Camino, do Pinarium, seguido de Diego Blanco, do Rías Baixas e Mauro García, do Beade. O Gimnástico máis rápido en cruzar a meta foi Teo Aboy, seguido do seu compañeiro Marco Geralavicius. No caso das rapazas, a máis veloz foi Gloria Prada, do Sociedad Atlética Val Miñor, sendo segunda a Gimnástica Lidia Laredo e terceira Allie Cellerino, do Beade.

Tras eles, foi turno da competición federada sub16, sub18 e sub20 mixto, onde Pepe Sánchez del Valle fíxose coa primeira posición, nun duelo durante toda a carreira co gimnástico Pablo Ulla, quen finalmente foi segundo, seguidos moi de preto tamén durante todo o percorrido polo terceiro clasificado, Hugo Dopazo.

No caso da carreira feminina a máis rápida foi Sabela Martínez, da Gimnástica, seguida da súa compañeira Aroa Barbeito e de Candela Lago, do Atletismo Noia.

Pecharon a xornada de competición os atletas participantes no sub23, sénior e máster mixto, conseguindo o trofeo feminino as gimnásticas Isa Caeiro e Paula de la Torre, primeira e segunda respectivamente e acompañadas no podio por Ángeles Padín, do Atletismo Arenteiro. O podio masculino, pola súa banda, estivo formado polo atleta da Asociación Deportiva Atlética do Sil, Alejandro Pesado, xunto con Ismael Lago, do San Miguel de Marín e de Iago Pereira, da Gimnástica.

Na clasificación por equipos a Gimnástica foi primeira na categoría cadete feminina e segunda na masculina e primeira nas categorías infantil, alevín e benxamín tanto feminina como masculina.

Noraboa a todos os atletas!

Foi unha mañá de moito barro, algunha caída e moito deporte. A próxima parada para o noso club é o XXIX Trofeo Cidade de Pontevedra, sexta proba do circuíto de atletismo en pista que se celebrará o vindeiro sábado 30 de novembro en xornada de mañá nas pistas do CGTD de Pontevedra.

Cros Cidade de Pontevedra 2024

Cros Cidade de Pontevedra 2024

Comeza a tempada de competición para os máis cativos na provincia. Este próximo domingo, 10 de novembro, a Gimnástica organiza o Cros Cidade de Pontevedra (Illa das Esculturas).

Despois do Medio Maratón, a Gimnástica volve organizar un evento deportivo na cidade coa intención de promover a práctica do atletismo na nosa cidade, esta vez cambiando o asfalto pola terra e o barro.

A competición está composta, por unha banda, da xornada zonal do programa Xogade para nenos e nenas das categorías benzamin, alevín, infantil e cadete e, por outra, da proba federada e popular para deportistas nados en 2009 e anos anteriores.

Nesta última haberá trofeos para os tres primeiros postos de cada categoría e xénero. As inscricións están abertas na plataforma Carreiras Galegas ata o mércores 6 de novembro ás 23:59 horas.

Na competición tamén haberá categorías Máster 1 (35 a 39 anos cumpridos), Máster 2 (40 a 49 anos cumpridos) e Máster 3 (50 anos en diante), realizando a inscrición mediante a mesma plataforma.

Podedes consultar o regulamento, así como os horarios e os percorridos na páxina de Carreiras Galegas.

XLII Gran Fondo Caixabank 2024 – Pablo Otero e Sara Castillo reinan en Pontevedra

XLII Gran Fondo Caixabank 2024 – Pablo Otero e Sara Castillo reinan en Pontevedra

A mañá deste domingo 20 de outubro, con todas as previsións climatolóxicas favorables, déronse cita en Ponteveda os case 1750 participantes nesta edición do Gran Fondo Caixabank 2024.

Ó final, a chuvia fixo acto de presenza gran parte da xornada, que inauguraron os máis pequenos, disputando a súa carreira, de 950 metros, cun circuíto celebrado íntegramente no interior da pista do CGTD, recibindo todos eles a súa medalla de finisher de recordo, para moitos, da súa primeira carreira.

Seguíronlles os participantes do 10k, que completou na inscrición as 500 prazas reservadas para esta distancia. Ás 10:30 horas finalmente tomaban a saída na Ponte dos Tirantes un total de 394 atletas que percorreron a distancia seguidos dos participantes do Mini Gran Fondo (atletas nados entre os anos 2007 e 2017). Á cabeza da categoría absoluta feminina estaba este ano a olímpica Ester Navarrete, quen cumpriu co seu obxectivo e fíxose coa victoria na proba atravesando a liña de meta en 00:35:12, seguida da atleta da Gimnástica, Marina Mullunesh Porteiro, quen o fixo en 00:40:17 e, tras ela, facía o propio a terceira clasificada, Marina Losada, cun tempo de 00:43:11.

No cadro masculino o máis rápido da distancia 10k foi o gimnástico Pablo Ulla, que rematou o percorrido en 00:33:26, seguido de Pepe Sánchez del Valle, que fixo un tempo de 00:33:42 e de Diego Paz, que atravesou a meta en 00:34:07.

Tras eles, ás 11 de mañá en punto deuse o pistoletazo de saída da distancia raíña, o 21K, onde tomaron a saída 855 dos inscritos. O trío que posteriormente compuxo o podium masculino dominou prácticamente a totalidade da carreira, chegando primeiro Pablo Otero, quen conseguiu, cun tempo de 01:07:12, revalidar o título acadado na edición anterior nun lembrado duelo con Reyes Estévez. Foi segundo Francisco Cabrera, moi preto, que asinou 01:07:16 e a terceira posición, tamén moi axustada, foi a de Anxo Castro, que cruzou a meta en 01:07:29.

O podium feminino foi reñido e emocionante. A primeira posición foi para Sara Castillo, quen corría a primeira carreira de longa distancia tras ser nai, e que soubo medir os tempos para impoñerse con autoridade na proba chegando a meta en 01:22:38. A segunda e terceira praza decidíronse a escasos vinte metros da meta onde Natalia García e Sonia Abad puxeron a emoción ó final do podio esprintando e adiantándose en numerosas ocasións para pelexar polo mellor posto, sendo finalmente Natalia segunda (01:24:56) e Sonia Abad, terceira (01:24:57).

Na proba participou tamén a marchadora da Gimnástica, preseleccionada para as remudas mixtas en París 2024, Antía Chamosa, quen, non sendo a súa especialidade e sen tempo dabondo para preparala, foi finalmente sexta na clasificación xeral.

Mención especial cabe facer ós atletas da Gimnástica, David de la Fuente e Isa Caeiro. Ambos participaban por primeira vez na distancia raíña, o Medio Maratón. David, sen preparar realmente a proba, completou a distancia entrando a meta en oitava posición e Isa Caeiro, pola súa parte, acompañada na súa primeira incursión na distancia polo seu entrenador, Manuel Hurtado, foi alternando o segundo e terceiro posto durante case toda a proba, sendo finalmente cuarta tras un contratempo ó seu paso polos últimos controis.

Dende o club damos grazas ó patrocinador principal, Caixabank, pola súa implicación un ano máis, e ó organizador xunto coa Gimnástica, o Servizo de Deportes do Concello de Pontevedra. Tamén ós colaboradores, Xunta de Galicia a través de Deporte Galego e a todos os que proporcionan os detalles que reciben os participantes (Coca Cola, Froiz e A Devesa). Tamén a Galmotor, quen facilita os vehículos necesarios para realizar o transporte de todo o material da proba.

Agradecemos tamén a entidades como a Federación Galega de Atletismo, a Brilat, a Escola Naval Militar, Protección Civil e Ofivol a súa aportación con persoal e material para garantir a seguridade e comodidade tanto dos atletas como da propia organización.

A Lactic Studio por todo o traballo e o deseño do cartel e da camiseta que tanto vos gustou este ano.

E por último, damos a grazas a todos os atletas que se inscribiron, aos que participaron, aos que animaron, a todos os pais, nais, avós e familiares que desafiástedes á chuvia para que os vosos correran a súa primeira carreira ou para darlle folgos un día máis a quen corre con asiduidade. Vós facedes posible o Medio Maratón cada ano.

Parabéns a todos por unha edición máis de atletismo e vémonos o ano que vén!

Os irmáns Chamosa, no Gran Fondo Caixabank 2024

Os irmáns Chamosa, no Gran Fondo Caixabank 2024

Seguimos cos anuncios de participación para a cita do próximo 20 de outubro.

Antía Chamosa, quen vén dos Xogos Olímpicos de París, onde estivo preseleccionada para as remudas mixtas, comezará a pretempada na proba que organiza a Gimnástica xunto ó seu irmán, Dani Chamosa. Ambos participarán na distancia de Medio Maratón.

A escasos 10 días de pechar definitivamente as inscricións, os números xa están por riba dos acadados na edición anterior. A data de hoxe (martes) quedan só 150 prazas para medirse ós irmáns Chamosa na distancia de Medio Maratón e apenas 110 prazas para completar o 10k e batirse coa olímpica Ester Navarrete.

Lembramos que o peche de inscricións será o 13 de outubro, así que non o pensedes moito se queredes formar parte deste evento!

1000 atletas no Gran Fondo Caixabank 2024

1000 atletas no Gran Fondo Caixabank 2024

A piques de rematar o segundo prazo de inscrición, o Gran Fondo Caixabank 2024 xa ten 1000 inscricións completadas.

Lembramos a todos os interesados que o prazo para anotarse, tanto para o 10k como para a distancia Medio Maratón, este segundo prazo de prezo reducido remata o día 30 de setembro a medianoite e que, a partires de entón entraremos no último prazo de inscrición, xa con prezo normal, sendo o último día para inscribirse o 13 de outubro.

No caso dos máis pequenos, o prazo límite de inscrición será o día 17 de outubro, sen variación de prezo (1 euro que se acumulará para sortear vales desconto para material deportivo).

A edición 2024 do Gran Fondo entra na recta final. Vémonos o 20 de outubro na ponte dos tirantes!

XLII Gran Fondo Caixabank – XXIX Medio Maratón – IV 10k ·2024·

A falta de 30 días para a celebración do Gran Fondo Caixabank 2024 (será o 20 de outubro), o ritmo de inscricións aumenta de semana en semana, estando agora mesmo en case 900, entre os que están, como xa anunciamos, a olímpica Ester Navarrete, que participará no 10k.

Lembramos tamén que estamos a piques de rematar o segundo prazo de inscrición, que remata o día 30 de setembro, cun prezo de 20 euros para o medio maratón e de 8 euros para o 10k e que, a partir do día 01 de outubro, pasará a ser de 30 euros no medio maratón e de 15 para o 10k. 

Os interesados en participar deberán ter en conta que o último día para inscribirse, sen opción de facelo posteriormente, é o día 13 de outubro

No caso dos menores, as inscricións poderán realizarse ata o 17 de outubro, cun custo de 1 euro por cativo. Dito importa acumularase en vales desconto para material deportivo que se sorteará en Miler, un dos colaboradores do evento.

A proba do Gran Fondo ten como patrocinador principal a Caixabank e como organizadores ó Servizo de Deportes do Concello de Pontevedra (Servicio de Deportes) y e á Sociedad Gimnástica de Pontevedra, como entidade deportiva e a través do seu voluntariado.

Colaboran no evento a Xunta de Galicia a través de Deporte Galego, e proporcionando detalles para os participantes, Coca Cola, Froiz e A Devesa, como vén sendo tradición. Galmotor tamén é outro dos nomes que sempre confían en nós e este ano non ía ser a excepción.

Por outra banda, entidades como a Federación Galega de Atletismo, a Brilat, a Escola Naval Militar, Protección Civil e Ofivol, formarán parte tamén do evento axudando á organización.

Agardamos vervos a todos o 20 de outubro alí e aproveitamos para agradecer a todos os colaboradores, patrocinadores e organizadores a súa implicación nesta proba. Seguide adestrando, que o Gran Fondo está a por dar a saída!