XXVII Memorial Celso Mariño – 2026

XXVII Memorial Celso Mariño – 2026

Onte foi mércores de xornada de Circuito Froiz de Atletismo en Pista nesta edición de 2026 e foi mércores de Memorial Celso Mariño, penúltima proba.

Os atletas desta vez tamén tiveron que facer fronte á climatoloxía, pero neste caso para sobrelevar unha calor sufocante que favoreceu nesta ocasión ós velocistas, como se comprobou coa cantidade de mellores marcas persoais que se acadaron durante a tarde. Cris Garrido, unha das caras habituais no equipo absoluto da Gimnástica e varias veces campioa galega do 100 metros lisos mellorou a súa marca na disciplina, deixándoa agora en 12.02, na súa volta tras unha lesión que a tivo afastada da pista durante uns meses. Melloraron as súas marcas tamén, entre outros, Diego Acuña, ou os equipos de remudas de 4×100 da Gimnástica tanto feminino como masculino.

Non só os corredores melloraron marcas na xornada de onte. Tamén nos lanzamentos chegaron boas novas, como a nova mellor marca persoal de Gema Dacosta no lanzamento de disco dun kilo, que enviou o artefacto a 37.26 metros.

De novo unha moi boa xornada de atletismo para mellorar e aprender pero, sobre todo, para conseguir continuidade e desfrutar do atletismo xuntos. A seguinte parada, última do Circuito deste ano, será en venres, concretamente o 17 de xullo. Vémonos alí!

Pistoletazo de saída do Circuito Froiz Atletismo en Pista 2026 – III Control Escola SGP

Pistoletazo de saída do Circuito Froiz Atletismo en Pista 2026 – III Control Escola SGP

Este pasado mércores 08 de abril deu comezo unha nova edición do Circuito Froiz de Atletismo en Pista 2026 coa celebración da primeira das competicións que o compoñen, o III Control Escola Sociedad Gimnástica de Pontevedra.

Comezaron competindo 250 atletas de distintas idades, que se puxeron a proba nas distintas disciplinas do atletismo, como salto de lonxitude, con pleno nos primeiros postos de atletas do club, como Álex Gómez ou Mateo Garrido, o 1000 feminino sub10 onde Sofía Álvarez foi a máis rápida e ademais mellora a súa marca persoal. Tamén melloraron as súas marcas Diego Acuña e Nico Piñeiro, primeiro e terceiro no 100 metros lisos, sendo Iago Gómez o segundo posto. Tamén no lanzamento de peso de 2kg houbo moita mellora de marcas, cos catro primeiros postos de atletas do club e mellorando os seus rexistros.

Sen dúbida, un moi bo comezo para todos eles, que teñen nestas competicións a oportunidade de mellorar e aprender.

A seguinte parada do calendario do circuito será o vindeiro mes de maio, cando se celebre o LII Trofeo Boa Vila, o día 6.

Vémonos nas pistas!