L Trofeo Virxe Peregrina con récord galego! (17/07/26)

L Trofeo Virxe Peregrina con récord galego! (17/07/26)

Esta fin de semana tiñamos moitas cousas que contarvos e que celebrar, pero non esquecemos que aínda tiñamos pendente contarvos a última xornada do Circuito Froiz de Atletismo en Pista 2026.

A asistencia da proba foi numerosa, pero viuse mermada ante a dificultade de moitos atletas para chegar debido a algún contratempo de tráfico que fixo que non chegasen a tempo para participar nas probas. Contratempos que tamén afectaron a parte dos xuíces, que tiveron que comezar as súas labores algo máis tarde do habitual.

Aínda así, todos os que conseguiron chegar fixeron moi bos papeis nas últimas probas. Destacaron, por exemplo, Matías Moldes, primeiro na pértega superando o listón en 4.20 metros, Carmen Paz, que foi a máis rápida na súa serie do 200 metros lisos e remata cunha nova mellor marca persoal (12.70) ou David de la Fuente, que fora atleta da Gimnástica, agora no Playas de Castellón, que fixo nova mellor marca persoal no 3000 metros lisos, agora en 07:56:08.

Pero se houbo un protagonismo claro esa tarde, foi na última proba. O equipo de remudas masculino de 4×400 formado por David Abalde, Sergio Rodríguez, Alexis Miguéns e Xabi Lires tiña un obxectivo claro: o récord galego. E cumpriron! Eles catro son agora os posuidores do novo récord da disciplina, que dende o venres está en 03:12:26.

Dende o club felicitamos a todos os atletas que cumpriron obxectivos no Circuito deste ano, ós que se superaron e a todos os que non o conseguiron pero aprenderon para seguir mellorando.

Agradecemos tamén a Froiz polo seu apoio ó deporte unha vez máis e a todos os colaboradores, así como ó Concello de Pontevedra e ó Servizo de Deportes por un ano máis de atletismo en pista.

A seguinte parada será a exhibición do Saltar na Rúa, o 29 de agosto, na Ferrería. Vémonos alí!

L Trofeo SGP · Circuito Froiz Atletismo en Pista 2026

L Trofeo SGP · Circuito Froiz Atletismo en Pista 2026

A tarde de onte centos de atletas competiron nunhas condicións moi distintas das que sufriran na xornada anterior do Circuito. Por fin un sol e calor máis propios destas datas permitiron que todos eles deran o mellor de sí e, sobre todo, desfrutasen do atletismo.

No CGTD déronse cita para o L Trofeo Sociedad Gimnástica de Pontevedra atletas de todas as categorías. Dende os máis pequenos (sub10 e sub12) ata as categorías absolutas e máster. Disputaron probas como o lanzamento de pelota os máis pequenos ou o de xavelina os máis maiores, coa participación de atletas como Jonathan Correa, membro habitual do equipo masculino de Liga de División de Honor e que nesta xornada foi o mellor lanzador. No 3000 obstáculos puxéronse a proba Sabela Martínez e María Estévez, que este ano, como Jonathan, forman parte do equipo feminino de Liga, que loitará en breves días polo ascenso de categoría.

Houbo moitas melloras de marcas, como a de Andrea Villaverde no salto de altura, facendo a súa mellor marca desta tempada, ou a mellora persoal de Lía Geralavicius, atleta sub14, no 500 metros lisos. Carmen Paz, atleta tamén do equipo feminino de Liga de Primeira División, foi a mellor na súa serie do 100 metros lisos e establece unha nova mellor marca persoal, chegando a meta en 12.76 segundos. En clave masculina, o seu compañeiro, Nico Piñeiro, tamén mellora a súa mellor marca na disciplina, agora en 12.14.

De novo unha xornada de desfrute do deporte, que se repetirá de novo, coa celebración do XXXI Trofeo Cidade de pontevedra, o 03 de xuño.

Pistoletazo de saída do Circuito Froiz Atletismo en Pista 2026 – III Control Escola SGP

Pistoletazo de saída do Circuito Froiz Atletismo en Pista 2026 – III Control Escola SGP

Este pasado mércores 08 de abril deu comezo unha nova edición do Circuito Froiz de Atletismo en Pista 2026 coa celebración da primeira das competicións que o compoñen, o III Control Escola Sociedad Gimnástica de Pontevedra.

Comezaron competindo 250 atletas de distintas idades, que se puxeron a proba nas distintas disciplinas do atletismo, como salto de lonxitude, con pleno nos primeiros postos de atletas do club, como Álex Gómez ou Mateo Garrido, o 1000 feminino sub10 onde Sofía Álvarez foi a máis rápida e ademais mellora a súa marca persoal. Tamén melloraron as súas marcas Diego Acuña e Nico Piñeiro, primeiro e terceiro no 100 metros lisos, sendo Iago Gómez o segundo posto. Tamén no lanzamento de peso de 2kg houbo moita mellora de marcas, cos catro primeiros postos de atletas do club e mellorando os seus rexistros.

Sen dúbida, un moi bo comezo para todos eles, que teñen nestas competicións a oportunidade de mellorar e aprender.

A seguinte parada do calendario do circuito será o vindeiro mes de maio, cando se celebre o LII Trofeo Boa Vila, o día 6.

Vémonos nas pistas!