I Cros Cidade de Pontevedra 2024

I Cros Cidade de Pontevedra 2024

Comezou a tempada para os máis pequenos no I Cros Cidade de Pontevedra celebrado a mañá deste domingo 10 de novembro na Illa das Esculturas, con case 700 deportistas inscritos.

Foi unha mañá na que os cativos se puxeron a proba nun circuíto cheo de barro nunha mañá na que a chuvia non fixo demasiado acto de presenza.

Inauguraron a mañá, dentro do Zonal de Xogade de Pontevedra-Salnés-Ulla Umia, de categoría cadete (mixto), onde o máis rápido dos rapaces foi Martín Otero, do Pinarium, seguido por Joaquín González, da Gimnástica e de Pablo Barreiro, tamén do Pinarium. No caso das rapazas, a primeira en completar o circuíto foi Sabela Abarca, da Gimnástica, seguida da súa compañeira, Carla Santoro, sendo terceira a atleta do Pinarium, Matilda Veiga.

A seguinte categoría en tomar a saída foi a infantil, cun podio que formaron Daniela Bayón, do Club Atletismo Cambados, Adriana Fraga, do Rías Baixas e Irene Burgos, do Beade, no caso da categoría feminina e por Xurxo Varela do Ría Arousa O Grove, Ángel Rodríguez do Beade e Paio Estévez, da Gimnástica.

Xusto despois foi turno dos alevíns, onde o primeiro posto masculino foi para Antón Fuentes, do Beade, o segundo para André Rodríguez, do Comesaña Sporting Club e o teceiro para Santiago Domínguez. O primeiro gimnástico en pasar por meta foi Teo Castiñeira, quen foi cuarto. En categoría feminina a máis rápida foi Lía Geralavicius, seguida das atletas do Beade, Fernanda Mateo e Mía Lago. O cuarto e quinto posto foron para Silvia López e Sofía Diz, ambas atletas gimnásticas.

Pecharon a parte da competición correspondente ó zonal de Xogade os benxamíns, onde foi primeiro Nico Camino, do Pinarium, seguido de Diego Blanco, do Rías Baixas e Mauro García, do Beade. O Gimnástico máis rápido en cruzar a meta foi Teo Aboy, seguido do seu compañeiro Marco Geralavicius. No caso das rapazas, a máis veloz foi Gloria Prada, do Sociedad Atlética Val Miñor, sendo segunda a Gimnástica Lidia Laredo e terceira Allie Cellerino, do Beade.

Tras eles, foi turno da competición federada sub16, sub18 e sub20 mixto, onde Pepe Sánchez del Valle fíxose coa primeira posición, nun duelo durante toda a carreira co gimnástico Pablo Ulla, quen finalmente foi segundo, seguidos moi de preto tamén durante todo o percorrido polo terceiro clasificado, Hugo Dopazo.

No caso da carreira feminina a máis rápida foi Sabela Martínez, da Gimnástica, seguida da súa compañeira Aroa Barbeito e de Candela Lago, do Atletismo Noia.

Pecharon a xornada de competición os atletas participantes no sub23, sénior e máster mixto, conseguindo o trofeo feminino as gimnásticas Isa Caeiro e Paula de la Torre, primeira e segunda respectivamente e acompañadas no podio por Ángeles Padín, do Atletismo Arenteiro. O podio masculino, pola súa banda, estivo formado polo atleta da Asociación Deportiva Atlética do Sil, Alejandro Pesado, xunto con Ismael Lago, do San Miguel de Marín e de Iago Pereira, da Gimnástica.

Na clasificación por equipos a Gimnástica foi primeira na categoría cadete feminina e segunda na masculina e primeira nas categorías infantil, alevín e benxamín tanto feminina como masculina.

Noraboa a todos os atletas!

Foi unha mañá de moito barro, algunha caída e moito deporte. A próxima parada para o noso club é o XXIX Trofeo Cidade de Pontevedra, sexta proba do circuíto de atletismo en pista que se celebrará o vindeiro sábado 30 de novembro en xornada de mañá nas pistas do CGTD de Pontevedra.

Cros Cidade de Pontevedra 2024

Cros Cidade de Pontevedra 2024

Comeza a tempada de competición para os máis cativos na provincia. Este próximo domingo, 10 de novembro, a Gimnástica organiza o Cros Cidade de Pontevedra (Illa das Esculturas).

Despois do Medio Maratón, a Gimnástica volve organizar un evento deportivo na cidade coa intención de promover a práctica do atletismo na nosa cidade, esta vez cambiando o asfalto pola terra e o barro.

A competición está composta, por unha banda, da xornada zonal do programa Xogade para nenos e nenas das categorías benzamin, alevín, infantil e cadete e, por outra, da proba federada e popular para deportistas nados en 2009 e anos anteriores.

Nesta última haberá trofeos para os tres primeiros postos de cada categoría e xénero. As inscricións están abertas na plataforma Carreiras Galegas ata o mércores 6 de novembro ás 23:59 horas.

Na competición tamén haberá categorías Máster 1 (35 a 39 anos cumpridos), Máster 2 (40 a 49 anos cumpridos) e Máster 3 (50 anos en diante), realizando a inscrición mediante a mesma plataforma.

Podedes consultar o regulamento, así como os horarios e os percorridos na páxina de Carreiras Galegas.