Volve o atletismo ás rúas de Pontevedra por sétima ocasión

Volve o atletismo ás rúas de Pontevedra por sétima ocasión

O mellor atletismo volve encher as rúas de Pontevedra. A sétima edición do Saltar na Rúa, achegará á Praza da Peregrina tres disciplinas atléticas de saltos. Trátase da lonxitude, o triplo e o salto con pértega.

A partir das 19:30h comezará o espectáculo nunha das prazas máis emblemáticas da cidade do Lérez. O obxectivo é que os veciños e visitantes coñezan un pouco máis este deporte e que queden abraiados cos saltos, especialmente co salto de pértega; que sempre chama a atención aos máis curiosos polas alturas que alcanzan os atletas.

Este ano contará con tres dos mellores saltadores do atletismo galego. Son Jean Marie Okutu en salto de lonxitude; Luis Fernando Moro en salto con pértega; e José Alfonso Palomanes no triplo salto. Tamén participarán dous dos mellores atletas portugueses de saltos do momento. Polo tanto, trátase dun evento de índole internacional.

Atletas participantes:

  • Salto de lonxitude:
    • Marina Artemia Pérez. Defendeu as cores da selección galega sub18. Ten unha mellor marca persoal de 5.35m. Bronce absoluto en triplo salto en AL. Sociedad Gimnástica de Pontevedra.
    • Juan Piñeiro: Subcampión galego absoluto PC. Titular coa Sociedad Gimnástica de Pontevedra. Mellor marca persoal de 7,24m. Sociedad Gimnástica de Pontevedra.
    • Celia Fernández: Atleta de 2008. Cuarta absoluta no Campionato Galego de AL. Ten unha mellor marca persoal de 5,41m.Riazor Coruña.
    • Sergio Coello: Vixente campión galego absoluto AL. Ten unha mellor marca persoal de 7,42m. RC Celta
    • Andrea Villaverde: Vixente campioa galega absoluta en PC e subcampioa en AL. Mellor marca persoal de 5,86m. Sociedad Gimnástica de Pontevedra.
    • Jean Marie Okutu: Olímpico en Río 2016.Doce veces campión de España absoluto (sete en aire libre e cinco en pista cuberta). Campión galego en lonxitude en dezanove ocasións. Plusmarquista autonómico nesta disciplina con 8,17m. Noveno en el ránking nacional de todos os tempos. Mellor marca persoal: 8,17m. FC Barcelona.
    • Ana Rita Silva: Vixente campioa de Portugal e segunda en triplo salto. Ten unha mellor marca persoal na lonxitude de 6.07 metros e de 12.98m en triplo.
    • Raúl Cortizo: Vixente campión galego absoluto PC. Mellor marca persoal de 7,50m. RC Celta.
  • Triplo salto:
    • Irati Legazpi: 10.89m. Atleta das escolas da Sociedad Gimnástica de Pontevedra
    • Matías Moldes: Vixente subcampión galego en pértega. Defendeu as cores da selección galega en altura. Ten unha mellor marca persoal de 12.57m. Sociedad Gimnástica de Pontevedra
    • Uxía Paz: Vixente subcampioa galega absoluta PC. Mellor marca persoal de 12.55m. Femenino Celta
    • Xoel Otero: Terceiro no Campionato de España sub20 en probas combinadas. Mellor marca persoal en triplo de 14.37m. AA Mazi.
    • Ariadna Gil: Bronce absoluto en PC. Mellor marca persoal de 11.90m. Vila de Cangas.
    • Marcos Caldeira: Sucampión portugués de triplo salto. 7 veces campión luso absoluto. Medallista internacional en categorías menores. Mellor marca persoal de 16.44m.
    • Alba Martínez: Vixente subcampioa galega en triplo salto. Mellor marca persoal de 12,11m. Volve a facer atletismo despois de ser unha das mellores saltadoras de triplo en Galicia en categorías menores. Ourense Atletismo.
    • Alfonso Palomanes: Campión de España Absoluto en 2016. 20 veces campión galego absoluto: 10 en pista cuberta e 10 ao aire libre. Plusmarquista autonómico con 16.21 metros. Sociedad Gimnástica de Pontevedra.
  • Salto con pértega:
    • Marina Artemia Pérez: cuarta absoluta en AL. Sociedad Gimnástica de Pontevedra
    • Nerea Fernández: Vixente subcampioa galega absoluta PC
    • Manuela Blanco: Vixente campioa galega absoluta PC
    • Lola Bouza: tres veces campioa galega absoluta. Volve a competir tras estar retirada do tartán por unha lesión. RC Celta. Novena no Campionato de España sub23.
    • Tomás López: Vixente campión galego absoluto PC e AL. 5 veces campión galego absoluto. Filial da Sociedad Gimnástica de Pontevedra. CA Sada
    • Pablo Fernández: atleta destacado a nivel nacional en categorías inferiores. Ten licencia pola Comunidade de Madrid. RC Celta.
    • Luis Fernando Moro: plusmarquista autonómico en salto con pértega con 5,43m. Medallista nacional en varias ocasiones e internacional con la selección española.
    • Miguel Cajaraville: 7 veces campión galego absoluto. Volve a competir despois dunha tempada de parón. RC Celta.

A proba está organizada pola Sociedad Gimnástica de Pontevedra e conta coa colaboración do Concello de Pontevedra.

Resume da edición do 2022.
Todo listo para IV Saltar na Rúa 2020

Todo listo para IV Saltar na Rúa 2020

A Sociedad Gimnástica de Pontevedra volve a traer o atletismo á cidade de Pontevedra. O club, conxuntamente co concello da cidade do Teucro, organizarán a IV edición de Saltar na Rúa o sábado 22 de agosto na Ponte do Burgo.

Despois de tres edicións, este ano traemos a novidade do cambio de escenario porque a recente inaugurada Ponte do Burgo será a nova ubicación. Alí terá lugar esta actividade de promoción na que se busca levar ás rúas distintas disciplinas de saltos, como son a lonxitude, o triplo e o salto con pértega.

Participación dos mellores atletas autonómicos

O evento contará con algúns dos mellores saltadores autonómicos destacando, especialmente, os atletas do club local.

En salto de lonxitude participarán os tres saltadores que se subiron ao podio no Campionato Galego Absoluto: Pablo Modia, do Atletismo Lucus, e Raúl Cortizo e David Ferrer, ambos da Gimnástica. Ferrer é un dos atletas máis experimentados nesta proba, xa que conta con dous títulos de Campión Galego Absoluto. Ademais, acompañaranlles no foso a subcampioa galega, Lucía Sánchez, da Atlética Lucense; unha das mellores combineras galegas e de España, Alicia Merino do Feminino Celta; e a xoven atleta local, Marta Barragáns, que foi subcampioa galega sub18.

En triplo salto destaca un nome sobre o resto: Alfonso Palomanes levantará a máxima expectación. O atleta da Sociedad Gimnástica, cunha mellor marca persoal de 16,21m, conta no seu currículo persoal con tres pratas en campionatos internacionais, foi campión de España 14 veces e campión galego absoluto en 20 ocasións. Entre os participantes, tamén haberá outra campioa de España. Esta é atleta do Atletismo Negreira, Alba Cuns, que ten unha medalla de ouro no nacional sub16. Completarán a lista de inscritos, catro medallistas galegos, como son Eva Salvado, campioa galega sub23; Matías Moldes, ouro en categoría sub14, ambos pertencentes ao club local; Ariadna Gil, do Vila de Cangas, primeira en categoría sub20 e terceira absoluta; e Pablo Saá, atleta do Celta Atletismo, que foi subcampión galego en pista cuberta.

A última proba será o salto con pértega. O duelo Santi Ferrer, da Sociedad Gimnástica, e Miguel Cajaraville, do Celta, traerá competitividade á proba. O primeiro conta con once primeiros postos en campionatos galegos e o segundo é o vixente campión galego de aire libre. Bea Viteri, con 16 ouros autonómicos, tamén aportará experiencia, veteranía e, por tanto, espectáculo. A eles acompañaranos na colchoneta dous atletas gimnásticos como son Marta González, prata no Campionato de España Máster e Óscar Monteagudo, ouro no campionato galego sub16; e Lola Bouza, atleta do ADAS o Barco, que foi subcampioa galega absoluta.

Protocolo COVID-19

O evento cumprirá co protocolo COVID-19 pactado pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. As principais medidas son as básicas para toda a cidadanía: non asistir se se presentan síntomas, manter a distancia social, levar máscara de cara en todo momento (os participantes so poderán rescindir dela no momento específico da competición), lavar frecuentemente as mans…

Especificamente para participar na actividade, tanto os atletas, como o staff terán que firmar un consentimento. A ausencia da sinatura provocará a negación do acceso ao recinto.

Os atletas terán unha cadeira asignada, onde deixarán todas as súas posesións e descansarán entre cada intento. Ademais, terán que portar a súa propia máscara e xel hidroalcohólico.

Cada persoa do staff terá a súa función determinada, pero evitando que se compartan artefactos e espazos.

O público cumprirá as normas ditadas polas autoridades competentes, portando a máscara en todo momento. En ningún momento poderán tocar o material deportivo nin acercarse ao escenario, que estará separado por vallas.