A historia da San Silvestre percorre as rúas de Pontevedra
A Sociedad Gimnástica de Pontevedra e o Concello de Pontevedra inauguraron na mañá do 23 de decembro a exposición dos 37 anos da San Silvestre Pontevedresa. En varios carteis recóllense fotografías e recortes de xornais de diferentes edicións da mítica carreira de nadal.
Ao acto, que comezou as 11:00h, acudiron Tino Fernández, Concelleiro de Deportes do concello da cidade do Teucro; Estalisnao Durán, primeiro gañador da San Silvestre; a nosa presidenta, Charo Castro; Víctor Riobó, director técnico do evento; e Patricia Novás, representante de Panaderías A’ Devesa, empresa que patrocina a exposición, mostrando unha vez máis a súa aposta polo deporte local.
37 anos de historia
A San Silvestre de Pontevedra naceu en 1977, con motivo das “vodas de ouro” da nosa entidade. Nesa edición participaron 652 atletas. Despois de varios anos de parón entre 1980 e 1990 recuperouse e o número de inscritos foi en aumento ata chegar aos 7000 participantes do ano pasado.
Neste recorrido histórico, un nome destaca sobre o resto. Víctor Riobó é o atleta máis laureado con doce vitorias, oito delas consecutivas. En mulleres, Águeda Blanco e Solange Pereira empatan no máis alto da clasificación con catro trunfos cada unha.
A Sociedad Gimnástica, ademais de ser o club organizador, tamén é o que máis veces estivo representado no máis alto do podio. Rogelio Barragáns foi o primeiro en gañar a San Silvestre vestindo a camisola branquiazul. Foi no 1979. Na edición seguinte, no 1985 faríao Manuel Franco. Luis Outeiriño, Rafael Fuentes e Jose Antonio Ramallo e Víctor Riobó en varias ocasións completarían a lista en participantes masculinos. En categoría feminina, Ángela Sobreira sería a primeira en 1991. Ademais dela, estarían Miriam García, Joselyn Brea e Iria Rodríguez para completar a lista. En total, 12 atletas da Sociedad Gimnástica de Pontevedra gañaron a San Silvestre.