![San Silvestre de récord e éxito autonómico](https://www.sgpontevedra.com/wp-content/uploads/2025/01/salida-san-silvestre-2024-1080x675.jpg)
San Silvestre de récord e éxito autonómico
Como xa ocorrera na tarde do día 30, este martes 31 de decembro a Gimnástica tiña que abrir a última tanda de inscrición para a San Silvestre antes da hora prevista debido á cola que xa estaba formada no exterior do local. Pecháronse as inscricións, desta vez, máis tarde tamén do previsto, repartindo finalmente 6531 dorsais.
6531 persoas confiaron na San Silvestre de Pontevedra, convertíndoa no récord post-pandemia, conseguindo unha progresión ascendente no número de participantes, pero é que, ademais, a San Silvestre de Pontevedra foi a máis multitudinaria de Galicia de entre as celebradas o propio 31 de decembro.
Tivemos o grande honor de que, entre eses 6531 dorsais, algúns deles tiñan nomes relevantes como o da olímpica Támara Echegoyen, da produtora de cine e series, Teresa Fernández-Valdés, o campeón do mundo de duatlón coñecido no mundillo como Tianillo, o campión do mundo de triatlón e agora adestrador, Pablo Dapena e a lenda por excelencia da disciplina, Javi Gómez-Noya.
Javi, ademais, encara a súa última tempada como triatleta profesional e tamén como atleta da Gimnástica, polo que a súa presenza foi especial para a organización.
Moita xente foi disfrazada, equipada co uniforme do seu club, representando o seu deporte, e moitos agardaron ós seus pais e nais na liña de meta para atravesala collidos da súa man ou en brazos, rematando o ano da mellor forma.
Todos os participantes recibiron no avituallamento, ata que se esgotaron as existencias, o detalle que os patrocinadores Froiz e A Devesa lles tiñan preparados. Froiz colaborou con ricas tabletas de chocolate e auga e A Devesa cos seus famosos croissants.
Dito material, ademais, foi transportado ata os puntos indicados grazas á colaboración de Galmotor, que nos cedeu as furgonetas necesarias.
Rematada a proba, comezou a esperada entrega de premios. Na categoría de disfraces, foi premiado o disfraz individual, de nome “árbore de Nadal”, que levou de agasallo un lacón cortesía de Froiz.
A San Silvestre é unha carreira que non ten clasificación como tal, pero sí se teñen en conta os tres primeiros postos para formar o podio, que esta vez quedou composto por Jorge Puig, Hugo García e Gustavo Santiago na categoría masculina e as atletas da Gimnástica, Sabela Martínez e Paula de la Torre, acompañadas de Marta Dios.
Os primeiros postos recibiron de mans do Alcalde Miguel Anxo Lores e da Presidenta da Gimnástica, Charo Castro, un xamón cortesía do noso patrocinador, Froiz, que tamén proporcionou un lacón ós segundos e terceiros postos.
Todos eles, ademais, foron agasallados por panaderías A Devesa cunha rosca.
Estade atentos porque nos próximos días teredes publicadas as fotografías da proba!
Dende a organización damos as grazas ó Concello de Pontevedra pola colaboración, así como ós nosos patrocinadores, Froiz, A Devesa, Galmotor e Miler, pola axuda e os agasallos para os participantes.
Foi unha xornada de récord e festa que agardamos disfrutárades tanto como nós. Contamos con vós para seguir facendo historia na edición de 2025! Moita saúde e os nosos mellores desexos para todos e moitas grazas por vir despedir o ano xuntos!