Agora sí: comeza o Camiño ó Centenario!
O martes 3 de novembro é unha das moitas datas para lembrar na familia da Gimnástica de Pontevedra. Ás 19 horas, na Casa das Campás, déronse cita numerosas personalidades para ser testemuñas da presentación oficial dos actos de celebración do Centenario.
Connosco estiveron atletas senlleiros da Gimnástica como Manuel Gayoso, Jesús Hermida, Víctor Riobó, Chus Sanguos, Martín Brea, Clara Gil ou Gustavo Dacal, familiares de expresidentes do club, entre eles Leonardo Enríquez, Víctor Cervera-Mercadillo ou Francisco Guillán e representantes institucionais como o alcalde de Pontevedra,Miguel Anxo Fernández Lores; o vicepresidente d la Deputación, Rafael Domínguez; o secretario xeral para o Deporte, Roberto García ou o recén nomeado subdelegado do Goberno, Alfonso Lago. Tamén contamos con representación da Escola Naval Militar de da Brilat, dúas institucións que sempre colaboran coa Gimnástica en numerosos eventos, como o Medio Maratón, sendo o noso club o primeiro en organizar un evento de tal envergadura en Galicia.
O evento, conducido pola xornalista Ángela Fernández Sobral, que tamén foi atleta do club e coñece moi ben a súa historia, destacando a cantidade de atletas, actuais e pasados que contribuíron a estes 100 anos de historia. Charo Castro, a actual presidenta do club, tomou a palabra para deixar claro que a Gimnástica sempre entendeu a responsabilidade deportiva e social que supón manterse durante un século e asegurou que o traballo estase a realizar para que o centenario sexa unha celebración á altura do que eses 100 anos e todo ese esforzo merecen.
Presentouse tamén o Comité de Honor do Centenario, presidido por Jose Luis Pérez Vidal, a quen Charo definiu como un moi fiel sucesor do fundador do club.
Cada un dos representantes foron tomando a palabra para salientar o compromiso do club co deporte, como fixeron tanto o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que sacaron a súa vocación de médicos para incidir na importancia de entidades como a Gimnástica para promocionar a actividade deportiva por medio das Escolas e para facer o deporte accesible a toda a poboación. Tamén o subdelegado do Goberno, Alfonso Lago e o subsecretario xeral para o Deporte, Roberto García, agradeceron o bo facer de cada persoa do club e todos eles coincidiron en agradecer non só ós atletas ou á diretiva o seu traballo, senon tamén ás familias, adestradores, voluntarios e resto de persoas que colaboran e fan deste club un equipo dentro e fóra da pista.
Neste acto presentouse o novo logotipo do Centenario. Un símbolo para a historia deseñado pola atleta do club, Lía Caride, especialista en 400 metros valos e en remudas 4×400, que ademais foi a encargada de deseñar a equipación do Centenario, que se presentou tamén no acto grazas a varios dos nosos atletas, así como a camiseta conmemorativa.
Ese novo logo é o resultado dunha fusión do primeiro escudo da Sociedad Gimnástica, que aparece difuminado na parte central, e o actual, redondo, mantendo as cores pero salientando ese “1927” do ano de fundación.
A equipación presentada segue a mesma liña, destacando o ano de fundación, mantendo esa característica franxa celeste no peito. Ademais de ser deseñada por Caride, as prendas son cen por cento galega e pontevedresa. Será a firma Ottobosley, con sede e fábrica en Mos, a encargada de confecionar a equipación deseñada pola nosa atleta, apostando por unha marca, como o seu propio representante remarcaba “pequena e galega, con ganas de facer grandes cousas, sendo este Centenario unha grande oportunidade”.
E tras presentar a imaxe do equipo para este vindeiro ano de celebración, chegou o turno de presentar os actos sociais que acompañarán as celebracións. Santiago Ferrer Moreira tomou o micrófono para facer un breve resumo para adiantarnos que teremos, por exemplo, varias exposicións, a publicación dun libro, a colocación dunha praca conmemorativa, a homenaxe ós atletas e adestradores, a expedición dun selo conmemorativo por parte de Correos ou a cena de gala.
Pero como non perdemos a perspetiva de que esto ó final sempre vai de celebrar o deporte e todo o que une, tamén se presentaron os actos deportivos, da man de Santi Ferrer Alonso, que enumerou os distintos eventos entre os que se inclúe a xa anunciada celebración do Campionato de España por Clubs en Ourense, dunha edición moi especial do Saltar na Rúa que este ano, sendo ademais o décimo que se celebra, será o Atletismo na Rúa ou dun Meeting internacional que se celebrará en xullo, cheo de grandes nomes internacionais, xusto antes dos grandes eventos do calendario do atletismo. As celebracións pecharanse, como non pode ser doutro xeito, coa proba raíña das carreiras populares de Galicia: a San Silvestre.
Foi sen dúbida unha tarde de emoción, de lembranzas e de moitos reencontros. Agora sí, muchachos valerosos… Comeza o Camiño ó Centenario!

