A Gimnástica, de novo coa Carreira de Leo •2026•

A Gimnástica, de novo coa Carreira de Leo •2026•

Un ano máis, a Sociedad Gimnástica de Pontevedra únese á Carreira de Leo e ao Miler Vintage Running Club para promover o deporte e a solidariedade da man do noso adestrador, Manuel “Huracán” Hurtado e Víctor Riobó.

Será este mesmo xoves, 17 de setembro, ás 20:00 horas, cando todos os corredores, de calquera nivel, poderán desfrutar dunha rodaxe xuntos, co punto de quedada na Ponte dos Tirantes (Pontevedra).

Esta xuntanza servirá ademáis, para dar visibilidade á Carreira de Leo, que se celebrará o día 4 de outubro en Meis, destinando os fondos recadados este ano á Asociación Galega de Terapia Ocupacional e á Asociación CTNNB1, e ó Medio Maratón de Pontevedra, organizado pola Gimnástica, que será o 18 de outubro.

Lembrámosvos que a rodaxe deste xoves está pensada para calquera nivel, co único obxectivo de compartir kilómetros sen un caráter competitivo, senon solidario coa iniciativa.

A alianza entre a Carreira de Leo, a Sociedade Ximnástica de Pontevedra e o Club Miler pretende poñer en valor a capacidade do atletismo para xuntar persoas, clubs e proxectos diferentes arredor dun mesmo deporte. Unha colaboración que busca tamén aproveitar a forza das respectivas comunidades de corredores para dar visibilidade ás dúas probas.

Desde a organización da Carreira de Leo destacan que esta colaboración é unha maneira de demostrar que o deporte pode ir máis alá da competición: “Queremos unir forzas, compartir quilómetros e demostrar que cando clubs e carreiras traballan xuntos, o deporte ten unha capacidade enorme para xerar comunidade e provocar cambios”.

Dende a Gimnástica, agradecemos á Carreira de Leo que conten un ano máis con nós para realizar esta posta a punto e dar visibilidade á iniciativa solidaria e animámosvos a achegarvos este xoves á Ponte dos Tirantes, ás 20:00 horas, para pasar un bo rato de atletismo xuntos. Non precisades ter un determinado nivel. Só ganas de correr facendo equipo todos xuntos.

Contamos convosco!!

Camiño ó centenario

Camiño ó centenario

Hoxe é 02 de setembro. Unha data calquera quizás, pero non para a Gimnástica. Hoxe hai 99 anos que un grupo de deportistas decidían fundar a que chamarían “Sociedad Gimnástica de Pontevedra”, sen saber (ou sí) que un día como hoxe, no futuro no que imaxinaban que os coches voarían como un disco ou un saltador de lonxitude, estaríamos comezando a conta atrás para celebrar o centenario.

Nestes case 100 anos podemos presumir de club senlleiro, de referencia, de nomes que coñeceu todo o mundo. De probas populares, profesionais, de exhibicións e, sobre todo, dun enorme traballo de promoción do atletismo, e todo esto terá un sabor de celebración no ano 2027.

Hoxe comezamos a conta atrás preparando un centenario para o recordo, unha homenaxe a todos eles, os que estiveron, os que están e os que virán despois de nós. Somos da xeración que ten a gran sorte de poder vivilo e celebralo.

Xa vos anunciamos que en xaneiro do 2027 seremos os encargados de organizar o Campionato de España de Short Track en Ourense, pero seguide atentos porque veñen sorpresas que nos van unir aínda máis dentro e fóra do deporte, sempre con este como referencia. Ó final, foi o deporte o que nos xuntou hai 99 anos. Contamos con tervos connosco igual que estivéstedes en todo este tempo. 3, 2, 1… Camiño ó centenario!

(foto: Copa Sansón, 1927)