A gran festa deportiva comeza antes do pistoletazo de saída

A gran festa deportiva comeza antes do pistoletazo de saída

As clases de Zumba comezarán ás 16:15h o 31 de decembro, antes da saída da San Silvestre.

A San Silvestre, máis alá de ser unha carreira, é unha gran festa deportiva. Dende fai uns anos dende a Sociedad Gimnástica de Pontevedra, grazas a Carla Novoa, intentamos que o desfrute non se quede so dende que se da o pistoletazo de saída, senón que sexa toda a tarde.

Carla Novoa, coas súas clases de Zumba, amenizará o evento a partir das 16:15h con música e deporte. É a mellor maneira para quecer de cara a San Silvestre e non ter maniotas posteriormente. Non fai falla inscribirse previamente, so hai que chegar a esa hora ao lugar da actuación e ter gañas de facer exercicio e seguir o seu ritmo.

A actividade é apta para todos os públicos, dende os máis cativos ata os maiores. É de balde. Con ela e co seu ritmo empezará a gran festa de despedida deste ano.

Tras os dous anos de parón da pandemia, onde foi imposible realizar un evento con normalidade, este ano recuperamos as actividades establecidas dende antes da chegada da Covid19. Unha delas é contar, nunha edición máis, con Carla Novoa e as súa clases de Zumba. Así poderase seguir crecendo nesta gran festa deportiva coa que se pecha este ano e se da benvida ao 2023.

Lembramos que as inscricións para participar na San Silvestre abren o 20 de decembro dende o Mercado de Abastos. Apuntarse é gratuito, so hai que traer alimentos non perecedoiros, que serán doados ao Banco de Alimentos de Pontevedra.

Revisa cando te podes inscribir na San Silvestre de Pontevedra

Revisa cando te podes inscribir na San Silvestre de Pontevedra

Queda pouco máis dun mes para a San Silvestre de Pontevedra 2022 e xa se pode apuntar no calendario cando comezan as inscricións.

Cambio de ubicación

As inscricións realizaranse na planta de arriba do Mercado de Abastos co seguinte horario e datas:

  • Do martes 20 ao 23 de decembro: de 17:30h a 20:30h.
  • Do luns 26 ao venres 30 de decembro: de 10:30h a 13:30h e de 17:30h a 20:30h.
  • O sábado 31 de decembro de 10:30h a 13:30h.

Polo tanto, tras varios anos onde a xente se apuntaba na Casa da Luz ou en Miler Vintage Running Club, este ano cambiamos e estaremos no Mercado de Abastos. É un dos edificios máis emblemáticos da cidade de Pontevedra, ás beiras do Lérez.

As inscricións serán gratuítas. Cada participante terá que levar un dorsal visible no peito. Estas identificacións serán obrigatorias para optar aos diferentes premios e agasallos que se entregarán. Aínda que anotarse sexa de balde, dende a Sociedad Gimnástica de Pontevedra, entidade organizadora, agradecerse a aportación voluntaria de 1€ por cada dorsal para apoiar a labor do noso club na promoción do atletismo na nosa comarca.

No momento de recoller o dorsal, haberá que entregar produtos de alimentación imperecedoiros, polo menos un quilogramo, para doar ao Banco de Alimentos de Pontevedra.

Obxectivo: superar os 7000

Animamos a todos os pontevedreses/as e veciños/as dos concellos limítrofes a participar na San Silvestre de Pontevedra 2022. Este ano buscamos superar o noso récord do 2019, cando fomos 7.000 inscritos.

Este ano a San Silvestre volve ás rúas da Cidade de Pontevedra, e con ela volverán as cores, a ilusión, os disfraces e a festa que tanto definen este evento. Proximamente publicaranse máis información, como a recollida de dorsais, os premios ou o recorrido.

Pouco a pouco seguiremos informando das novidades.

Volve o Nadal a Pontevedra

Volve o Nadal a Pontevedra

En Pontevedra o evento que marca o Nadal é a San Silvestre e este ano volve xa a clásica e tradicional San Silvestre 2022, sen restricións, pero cun novo obxectivo: conseguir que os pontevedreses e pontevedresas volvan a encher as rúas da cidade do Lérez, tal e como pasou en 2019 con 7.000 inscritos. Ese foi fito máximo de inscricións e conseguiu colocarnos no mapa nacional como unha das san silvestres máis multitudinarias se o comparamos coa poboación total da cidade organizadora.

Dende a Sociedad Gimnástica de Pontevedra, entidade organizadora queremos que entre todos nos superemos e volvamos a colocarnos no epicentro do deporte español. A Boa Vila é unha cidade moi ligada ao deporte. Aquí organízanse ao longo do ano unha gran cantidade de eventos deportivos profesionais que atraen a unha inxente cantidade de deportistas, afeccionados e público que ven de Pontevedra unha cidade idílica e sa. Este Nadal imos demostrar que non so hai que traer eventos de nivel para darnos conta de que estamos a altura, os pontevedreses tamén sabemos valorar a cidade e conseguir reflexar que a mellor San Silvestre de España é a Pontevedresa.

Atrás quedaron os anos da pandemia onde tivemos que reiventarnos para poder manter este evento, que é unha data marcada no almanaque do nadal pontevedrés.

Dous anos con “san silvestres” reinventadas

En 2020 inventouse unha #RaraPeroSanSilvestre. Intentouse que os que se inscribiran no evento puideran recorrer as rúas e parques do Concello de Pontevedra individualmente ou en grupos reducidos para evitar os contaxios. Un total de 10 percorridos distintos nos que se intentou que non se perdese a base do maior evento pontevedrés do nadal.

En 2021 buscamos achegarnos un pouco máis ao evento tradicional. Dende as Marismas de Alba e con saídas a diferentes horas xa se fixeron grupos para que os corredores competisen en grupos máis multitudinarios.

Este ano a San Silvestre volve ás rúas da Cidade de Pontevedra, e con ela volverán as cores, a ilusión, os disfraces e a festa que tanto definen este evento. Proximamente publicaranse máis información, como a recollida de dorsais, os premios ou o recorrido.

Máis de 1000 participantes no Gran Fondo Caixabank

Máis de 1000 participantes no Gran Fondo Caixabank

O Gran Fondo Caixabank pecha as inscricións con máis de 1000 inscritos. De eses, 572 participantes son do medio maratón e 334 dos 10km. Hai que engadir que hai un total de 165 participantes que so se inscribiron no Campionato Galego de Medio Maratón e non na proba popular. En total, o número de participantes sería de 1.071. A carreira de cativos aínda ten o prazo de inscrición aberto, pero por agora hai máis de 140 nenos e nenas apuntados.

Atletas destacados

Entre os atletas máis destacados na longa distancia están:

  • Reyes Estévez: finalista nos Xogos Olímpicos de Atenas 2004 e varias medallas internacionais e nacionais. Foi terceiro en dous mundiais de aire libre, en Atenas 1997 e Sevilla 1999. A nivel continental é campión europeo en Budapest 1998 e subcampión en dúas ocasións. En aire libre en Munich 2002 e baixo teito en Lisboa 2001. En pista cuberta, tamén quedou terceiro no Europeo de Madrid en 2005 por partida dobre, nos 1500ml e nos 3000ml.
  • Manuel Hurtado: gañou o ano pasado e é o atleta con máis vitorias no medio maratón de Pontevedra. Conta con catro en total. Tamén foi dúas veces campión galego na distancia e quere ir en busca da terceira.
  • Carlos Porto: gañador nos 10km do ano pasado. Vixente campión galego de 800ml ao aire libre. Titular no equipo da Sociedad Gimnástica de Pontevedra nas ligas de atletismo tanto nas probas de mediofondo como de fondo. Debuta na distancia do medio maratón.
  • Manuel Lorenzo: cuarto o ano pasado e titular coa Sociedad Gimnástica de Pontevedra en probas de fondo.
  • Anxo Castro: gañador na edición de 2019.
  • Soledad Castro Soliño: categoría máster. Atleta internacional. Foi 10 veces campioa galega de medio maratón. Récord galego na distancia en categorías máster M40, M45, M50
  • Andrea Iglesias: terceira o ano pasado nos 10km. É triatleta internacional.
  • Ángela Rodríguez: subcampioa o ano pasado no medio maratón.

Nos 10km sobresae, sobre todo, Cora Saburido, que quedou segunda o ano pasado nesta distancia.

No Campionato Galego de Medio Maratón por equipos, a Sociedad Gimnástica de Pontevedra, entidade organizadora, opta ao primeiro posto na categoría masculina coas participacións de Manuel Hurtado, Carlos Porto e Manu Lorenzo.

Dorsais:

Unha vez finalizado o prazo de inscricións, os atletas poderán retirar os seus dorsais. Será obrigatorio portar o dorsal no peito e ten que estar visible. Non se poderá dobrar nin ocultar. As datas para recoller estas identificacións son do 13 ao 15 de outubro na tenda Miler Vintage Running Club, rúa Peregrina, 6 (soto), en Pontevedra. Poderase recoller durante o horario de apertura do comercio. Este ano tamén recupérase despois dos anos da pandemia a recollida o mesmo día da proba. O 16 de outubro en horario de 08:00h a 10:30h poden coller os seus dorsais so os deportistas que son fóra de Pontevedra. O punto de entrega será o Pavillón Universitario.

Un día para o peche das inscricións

Un día para o peche das inscricións

O Gran Fondo Caixabank entra na súa recta final. A pouco máis de 24 horas para que chegue o fin das inscricións, esta proba deportiva da cidade de Pontevedra xa ultima todos os detalles.

Polo de agora, róldase a cifra dos 500 inscritos no medio maratón e rózase os 300 anotados nos 10km. A carreira dos máis cativos está preto dos 100 participantes. Lembramos que o prazo para apuntarse neste evento remata o 9 de outubro ás 23:59h. Como xa estamos no segundo prazo das inscricións o prezo por anotarse é de 25€ para a proba de máis distancia e de 15€ para a curta. No caso dos nenos e nenas tan so custará 1€ inscribirse e, co recadado, sortearanse vales en material deportivo entre todos os participantes.

Neste tempo estivéronse presentando diversos servizos que se recuperaron despois da pandemia, como os vestiarios ou os gardarroupas; e tamén este ano incorpóranse outros novos como a gardería. Son prestacións que, pouco a pouco, van facendo crecer este evento que se tivo que reinventar durante os anos de restricións da pandemia para que se puidera seguir celebrando.

De feito, séguense ultimando os detalles e o último anuncio foi a camiseta desta edición. Entregarase no momento no que se recollan os dorsais. Previamente os atletas na inscrición tiveron que escoller a súa talla. É unha prenda técnica e transpirable, apta para realizar deporte.

Recollida de dorsais

Unha vez finalizado o prazo de inscricións, os atletas poderán retirar os seus dorsais. Será obrigatorio portar o dorsal no peito e ten que estar visible. Non se poderá dobrar nin ocultar. As datas para recoller estas identificacións son do 13 ao 15 de outubro na tenda Miler Vintage Running Club, rúa Peregrina, 6 (soto), en Pontevedra. Poderase recoller durante o horario de apertura do comercio. Este ano tamén recupérase despois dos anos da pandemia a recollida o mesmo día da proba. O 16 de outubro en horario de 08:00h a 10:30h poden coller os seus dorsais so os deportistas que son de fóra de Pontevedra. O punto de entrega será o Pavillón Universitario.

Máis de 1000 participantes no Gran Fondo Caixabank

Case 700 inscritos tras o primeiro prazo de inscricións

O Gran Fondo Caixabank pecha o primeiro prazo de inscricións con 691 inscritos entre as dúas probas. No medio maratón hai 460 anotados e nos 10km o número é de 231. Tamén hai que engadir que na proba dos máis pequenos hai un total de 44 participantes.

Ata ás 23:59h do 9 de outubro, os que queiran participar poden seguir inscribíndose. Ata esa data estará aberto o segundo prazo. Nel o custo de inscrición é de 25€ para a longa distancia e de 15€ para a curta. Na proba dos máis cativos mantense 1€ por inscrición. Ese prezo é carácter participativo e coa suma total de todas as participacións sortearanse vales en material deportivo.

Este ano aproveitarase o Gran Fondo Caixabank para realizar tamén o Campionato Galego de Medio Maratón. Lembramos que se so se inscriben na proba autonómica non poderán optar aos premios da proba popular nin a bolsa do corredor. Iso si, inscribirse no campionato galego non significa non poder apuntarse na proba popular; a inscrición é simultánea nas dúas carreiras.

Entre os atletas destacados que xa confirmaron a súa participación está Reyes Estévez, atleta que conta no seu palmarés con varias medallas internacionais.

Polo tanto, os que aínda teñen dúbidas por participar neste evento teñen tempo para poder inscribirse e estar na liña de saída o próximo 16 de outubro. Unha saída que será ás 10:40h para os 10km e ás 11:00h para o medio maratón. A proba dos máis cativos realizarase antes. Ás 10:20 sairán os “Cativos” e ás 10:45h o “Mini Gran Fondo”.