XXXI Trofeo Cidade de Pontevedra ·2026·

XXXI Trofeo Cidade de Pontevedra ·2026·

A xornada de onte no CGTD foi de nova xornada do Circuito Froiz de Atletismo en Pista. Atletas de todos os niveis e categorías saíron ó tartán, comezando polos máis pequenos (sub10 e sub12), disputando probas como o lanzamento de pelota ou un 1000 metros lisos que os deixou ben cansos.

Pero para os maiores foi un día para mellorar marcas e aprender e mellorar. Foi caso, por exemplo, de Carlota Vázquez, que cos 14.69 segundos que tardou en percorrer o 100 metros valos, conseguiu o billete para o Campionato de España. O seu compañeiro, Hugo Cordal, foi sétimo no 1000 metros lisos, acusando o cansazo tras conseguir o décimo posto no Campionato de España Individual Triatlón E, celebrado en La Nucía hai poucos días, conseguindo mellorar as súas marcas persoais en lanzamento de xavelina (25.61 metros), 80 metros lisos (11.46 segundos) e 2km marcha (10:40). Sen embargo, Hugo foi quen de mellorar a súa marca, como moitos dos seus compañeiros, no 80 metros valos (a 0.84), agora en 15.26, deixando claro que non se conforma cos resultados acadados ata agora.

Moitos foron os atletas que aproveitaron a xornada de onte para axustar as súas marcas persoais. Entre outros, Karol Rivera no 100 metros lisos, Sergio Lamas en lanzamento de disco de 1.5 kg, Jovi Uyokpiye no 110 metros valos (a 0.914) ou Noa Currás no salto de lonxitude (cunha mellor marca agora en 4.94.

Desta vez tiveron sorte dispar coa climatoloxía, que xa se tornou nun participante máis do Circuito, con vento e chuvia moi variable e forte por momentos que, sen dúbida, obrigou a todos os atletas a sacar o mellor de sí mesmos.

Moitos parabéns a todos e vémonos o próximo mércores 17 no Trofeo Celso Mariño. Seguimos!

L Trofeo SGP · Circuito Froiz Atletismo en Pista 2026

L Trofeo SGP · Circuito Froiz Atletismo en Pista 2026

A tarde de onte centos de atletas competiron nunhas condicións moi distintas das que sufriran na xornada anterior do Circuito. Por fin un sol e calor máis propios destas datas permitiron que todos eles deran o mellor de sí e, sobre todo, desfrutasen do atletismo.

No CGTD déronse cita para o L Trofeo Sociedad Gimnástica de Pontevedra atletas de todas as categorías. Dende os máis pequenos (sub10 e sub12) ata as categorías absolutas e máster. Disputaron probas como o lanzamento de pelota os máis pequenos ou o de xavelina os máis maiores, coa participación de atletas como Jonathan Correa, membro habitual do equipo masculino de Liga de División de Honor e que nesta xornada foi o mellor lanzador. No 3000 obstáculos puxéronse a proba Sabela Martínez e María Estévez, que este ano, como Jonathan, forman parte do equipo feminino de Liga, que loitará en breves días polo ascenso de categoría.

Houbo moitas melloras de marcas, como a de Andrea Villaverde no salto de altura, facendo a súa mellor marca desta tempada, ou a mellora persoal de Lía Geralavicius, atleta sub14, no 500 metros lisos. Carmen Paz, atleta tamén do equipo feminino de Liga de Primeira División, foi a mellor na súa serie do 100 metros lisos e establece unha nova mellor marca persoal, chegando a meta en 12.76 segundos. En clave masculina, o seu compañeiro, Nico Piñeiro, tamén mellora a súa mellor marca na disciplina, agora en 12.14.

De novo unha xornada de desfrute do deporte, que se repetirá de novo, coa celebración do XXXI Trofeo Cidade de pontevedra, o 03 de xuño.

LII Trofeo Boa Vila – Circuito Atletismo en Pista 2026

LII Trofeo Boa Vila – Circuito Atletismo en Pista 2026

A xornada de onte foi para auténticos valentes. Unha tarde de auga a cachón fixo peligrar a tarde de competición, pero os atletas non deixaron que o tempo os parase e cumpriron ata que ó final rematou saíndo o sol.

Foron os máis pequenos os que saíron competir no que, probablemente, foi o peor momento da tarde, e demostraron o seu compromiso e profesionalidade saltando á pista co mellor dos sorrisos pese a todo.

Déronse cita atletas de todas as categorías en disciplinas como a pértega, a xavelina, o martelo ou o 60 metros lisos para os máis pequeniños ou o 1500 metros lisos. Foi unha tarde complicada onde, aínda que moitos atletas conseguiron mellorar as súas mellores marcas persoais, como foi o caso de Sabela Martínez e María Estévez no 400 ou o relevo feminino 4×100, a humidade, o frío e a chuvia das primeiras horas pasaron factura ós atletas.

Dende o club damos as grazas a todos os atletas que onte desafiaron as condicións de inicio desta xornada e que deron o mellor de sí para facer desta unha nova xornada de aprendizaxe e traballo en equipo no atletismo.

Vémonos o día 20, cando disputaremos o L Trofeo Sociedad Gimnástica!

Pistoletazo de saída do Circuito Froiz Atletismo en Pista 2026 – III Control Escola SGP

Pistoletazo de saída do Circuito Froiz Atletismo en Pista 2026 – III Control Escola SGP

Este pasado mércores 08 de abril deu comezo unha nova edición do Circuito Froiz de Atletismo en Pista 2026 coa celebración da primeira das competicións que o compoñen, o III Control Escola Sociedad Gimnástica de Pontevedra.

Comezaron competindo 250 atletas de distintas idades, que se puxeron a proba nas distintas disciplinas do atletismo, como salto de lonxitude, con pleno nos primeiros postos de atletas do club, como Álex Gómez ou Mateo Garrido, o 1000 feminino sub10 onde Sofía Álvarez foi a máis rápida e ademais mellora a súa marca persoal. Tamén melloraron as súas marcas Diego Acuña e Nico Piñeiro, primeiro e terceiro no 100 metros lisos, sendo Iago Gómez o segundo posto. Tamén no lanzamento de peso de 2kg houbo moita mellora de marcas, cos catro primeiros postos de atletas do club e mellorando os seus rexistros.

Sen dúbida, un moi bo comezo para todos eles, que teñen nestas competicións a oportunidade de mellorar e aprender.

A seguinte parada do calendario do circuito será o vindeiro mes de maio, cando se celebre o LII Trofeo Boa Vila, o día 6.

Vémonos nas pistas!

II Control Escola Atletismo SGP – 1ª xornada Circuito Froiz 2025

II Control Escola Atletismo SGP – 1ª xornada Circuito Froiz 2025

Onte, mércores 09 de abril, cun tempo máis propio case do mes de agosto, máis de 200 atletas de distintas categorías déronse cita no CGTD para dar comezo ó Circuito de Atletismo en Pista 2025 coa celebración da segunda edición do Control Escola de Atletismo da Sociedad Gimnástica de Pontevedra.

Este control está pensado para os máis pequenos, sendo os atletas participantes maioritariamente das categorías da canteira (sub10, sub12 e sub14).

Ademais de divertirse practicando o atletismo, moitos deles remataron a xornada mellorando as súas marcas persoais e incluso conseguindo a súa mellor marca da tempada, como foi no caso do salto de altura masculino, onde os dous mellores fixeron a súa mellor marca da tempada (Adrián Sacristán do CAR Redondela e o gimnástico Enzo Alfonsín) e o terceiro, Nico Camino, do Pinarium, mellorou a súa marca persoal ou as rapazas de peso de 2 kg, onde as primeiras tres clasificadas, as gimnásticas Valentina Vidal, Valeria Barros e Gara Manuel voltaron a casa con novas mellores marcas persoais.

Por outra banda, os atletas máis maiores tiveron a oportunidade perfecta para poñerse a proba e rematar de pulir os detalles para a tempada de aire libre e o campionato de Liga que, no caso das rapazas, será na casa o sábado 26 de abril.

Sen dúbida o Circuito Froiz de Atletismo en Pista 2025 non podía comezar de mellor maneira. A próxima cita será o mércores 07 de maio, tamén no CGTD, coa celebración do LI Trofeo Boa Vila.