XXXI Trofeo Cidade de Pontevedra ·2026·

XXXI Trofeo Cidade de Pontevedra ·2026·

A xornada de onte no CGTD foi de nova xornada do Circuito Froiz de Atletismo en Pista. Atletas de todos os niveis e categorías saíron ó tartán, comezando polos máis pequenos (sub10 e sub12), disputando probas como o lanzamento de pelota ou un 1000 metros lisos que os deixou ben cansos.

Pero para os maiores foi un día para mellorar marcas e aprender e mellorar. Foi caso, por exemplo, de Carlota Vázquez, que cos 14.69 segundos que tardou en percorrer o 100 metros valos, conseguiu o billete para o Campionato de España. O seu compañeiro, Hugo Cordal, foi sétimo no 1000 metros lisos, acusando o cansazo tras conseguir o décimo posto no Campionato de España Individual Triatlón E, celebrado en La Nucía hai poucos días, conseguindo mellorar as súas marcas persoais en lanzamento de xavelina (25.61 metros), 80 metros lisos (11.46 segundos) e 2km marcha (10:40). Sen embargo, Hugo foi quen de mellorar a súa marca, como moitos dos seus compañeiros, no 80 metros valos (a 0.84), agora en 15.26, deixando claro que non se conforma cos resultados acadados ata agora.

Moitos foron os atletas que aproveitaron a xornada de onte para axustar as súas marcas persoais. Entre outros, Karol Rivera no 100 metros lisos, Sergio Lamas en lanzamento de disco de 1.5 kg, Jovi Uyokpiye no 110 metros valos (a 0.914) ou Noa Currás no salto de lonxitude (cunha mellor marca agora en 4.94.

Desta vez tiveron sorte dispar coa climatoloxía, que xa se tornou nun participante máis do Circuito, con vento e chuvia moi variable e forte por momentos que, sen dúbida, obrigou a todos os atletas a sacar o mellor de sí mesmos.

Moitos parabéns a todos e vémonos o próximo mércores 17 no Trofeo Celso Mariño. Seguimos!

Campionato Galego sub10 e sub12 ·2026·

Campionato Galego sub10 e sub12 ·2026·

Poderíamos resumir o Campionato Galego dos máis pequenos celebrado esta pasada fin de semana na Coruña cunha única frase: Hai canteira!

Todos os nosos atletas deron o mellor de sí para destacar na competición e, ainda que todos eles fixeron un traballo excelente, só algúns tiveron a sorte suficiente para facerse coas medallas.

En categoría sub12, Gara Manuel fixo un triplete, porque foi prata no salto de altura e proclamouse Campioa Galega da súa categoría no 60 metros lisos e na remuda 4×60, xunto coas súas compañeiras, Sara Mourente, Martina Cures e emma Calle. Emma, ademais, quedou moi preto do podio, sendo cuarta no salto de algura. A súa compañeira, Gara Fernández, foi Subcampioa Galega do 2000 metros lisos. E non acaban aí os éxitos, porque o equipo de remudas masculino, 4×60 tamén subiu ó máis alto do podio para recoller o seu título de Campións Galegos, co equipo formado por Brian Barroso, Teo Castiñeira, Gutier Calle e Álex Gómez. Estes dous últimos fixeron o seu propio dobrete, porque Gutier voltou subir para recoller o ouro en lanzamento de pelota e Álex, para recoller a súa prata no 60 metros lisos.

Os máis pequeniños non quedaron atrás e demostraron toda a súa forza na pista. De novo a remuda feminina foi a mellor, neste caso o 4×50, cun equipo formado por Sofía Álvarez, Antía Casalderrey, Lucía Guede e Leire Pérez. Tres delas repetiron podios, posto que Sofía recolleu dous bronces (50 e 500 metros lisos), Leire é a actual Campioa Galega de lanzamento de pelota e Antía, a Subcampioa. No equipo masculino tamén houbo moito nivel, destacando esta vez Danel Méndez, sendo o mellor no 1000 metros marcha.

Moito orgullo dxs nosxs pequeniñxs valerosxs!! Parabéns!! Seguimos traballando!

Líderes nacionais en remudas sub16 ·2026·

A pasada fin de semana celebrouse en Lugo o Campionato Galego sub16, pero a xornada do domingo á tarde quedara adiada para este pasado mércores 27 de maio por mor dunha alerta meteorolóxica.

Os nosos atletas non acusaron o cambio, porque os resultados conseguidos nese final de xornada non poderon ser mellores. O protagonista a nivel individual foi Diego Acuña, que cos 6.23 metros que acadou no salto de lonxitude, mellora a súa marca persoal e, ademais, colgou o ouro que o acredita como campión galego da disciplina da súa categoría en aire libre. Diego ademais, subiría ó podio para levar un novo título de campión galego, pero esta vez xunto ós seus compañeiros, Nico Piñeiro, Iago Gómez e Luis Durán, na remuda 4×100. Non acaba aí o éxito da remuda sub16 da Gimnástica, senon que o tempo conseguido, de 45.06, posiciona ó equipo como o líder nacional.

O equipo feminino de remudas non quedou atrás. Matilda Veiga, Ángela Moldes, Sabela Abarca e Karol Rivera quedaron fóra do podio por tan só 3 centésimas, sendo finalmente cuartas.

Parabéns a todos por manter o nivel a pesar dos inconvintes! Seguimos co traballo!

Campionato Galego sub16 ·2026·

Campionato Galego sub16 ·2026·

Esta pasada fin de semana Lugo foi a sede do Campionato Galego de categoría sub16, pero volverá selo en breve, con data por confirmar, posto que a xornada do domingo pola tarde queda adiada debido á alerta climatolóxica que se activou por seguridade.

Igualmente, os nosos atletas deron todo de sí no tempo de competición celebrado, e os resultado non podían ser mellores. No hexatlón, Daniela Baquero fíxose co título de subcampioa galega, sumando 2700 puntos, como tamén fixo o seu compañeiro Iago Gómez no Octatlón, e Paio Estévez, que foi terceiro, subindo xunto a él ó podio.

Destacaron tamén Lena Currás, que foi prata no lanzamento de xavelina e a súa compañeira Lía Vázquez, fíxose co bronce no salto con pértega. Tamén foi bronce o seu compañeiro, Diego Acuña, esta vez no 100 metros lisos.

Un dos nomes destacados da xornada foi o de Mateo Miñán. O marchador sub16 participou o sábado no GP Cantones da Coruña, conseguindo a súa nova mellor marca persoal, agora en 13:40, que lle da o pase ó Campionato de España.

Menos sorte tivo esta vez o noso campión, Dani Chamosa, quen tivo que abandonar a competición pasado o kilómetro 11 debido a unhas molestias musculares.

Parabéns a todos!! Seguimos!

L Trofeo SGP · Circuito Froiz Atletismo en Pista 2026

L Trofeo SGP · Circuito Froiz Atletismo en Pista 2026

A tarde de onte centos de atletas competiron nunhas condicións moi distintas das que sufriran na xornada anterior do Circuito. Por fin un sol e calor máis propios destas datas permitiron que todos eles deran o mellor de sí e, sobre todo, desfrutasen do atletismo.

No CGTD déronse cita para o L Trofeo Sociedad Gimnástica de Pontevedra atletas de todas as categorías. Dende os máis pequenos (sub10 e sub12) ata as categorías absolutas e máster. Disputaron probas como o lanzamento de pelota os máis pequenos ou o de xavelina os máis maiores, coa participación de atletas como Jonathan Correa, membro habitual do equipo masculino de Liga de División de Honor e que nesta xornada foi o mellor lanzador. No 3000 obstáculos puxéronse a proba Sabela Martínez e María Estévez, que este ano, como Jonathan, forman parte do equipo feminino de Liga, que loitará en breves días polo ascenso de categoría.

Houbo moitas melloras de marcas, como a de Andrea Villaverde no salto de altura, facendo a súa mellor marca desta tempada, ou a mellora persoal de Lía Geralavicius, atleta sub14, no 500 metros lisos. Carmen Paz, atleta tamén do equipo feminino de Liga de Primeira División, foi a mellor na súa serie do 100 metros lisos e establece unha nova mellor marca persoal, chegando a meta en 12.76 segundos. En clave masculina, o seu compañeiro, Nico Piñeiro, tamén mellora a súa mellor marca na disciplina, agora en 12.14.

De novo unha xornada de desfrute do deporte, que se repetirá de novo, coa celebración do XXXI Trofeo Cidade de pontevedra, o 03 de xuño.