5412 persoas que confiaron en que non chovía, que tiñan ganas de despedir o ano facendo deporte e divertíndose cos seus. Grupos de amigos, familias, entidades deportivas, asociacións e persoas que desfrutan de correr soas déronse cita este 31 de decembro na Ponte do Burgo.

A organización aproveitou para facer un recordo e darlle un aplauso a un dos voluntarios máis senlleiros, orgulloso sempre da súa cidade “la ciudad del deporte” como él contaba que lle dicían cando viaxaba por aí, que finou inesperadamente a noite antes. Estamos seguros de que Benjamín Blanco, “o tigre de Tafisa” como era coñecido no mundo do ciclismo, se emocionou co aplauso que lle adicaron todos os presentes igual que se emocionaba nos eventos nos que participaba como voluntario.

E como él ben sabía, todo continúa, e continuou coa presentación de Tere Abelleira. Unha campioa do Mundo de fútbol que accedeu a ser a encargada de dar o pistoletazo de saída da carreira. Foi moita xente a que lle pediu fotos, a que se achegou a felicitala e agardamos que sentise todo o cariño da xente e da organización. Demostrou a súa calidade humana, a amabilidade e a disposición. Como xa dixemos, unha campioa en todos os sentidos posibles. De novo, grazas, Tere.

Durante todo o percorrido houbo charangas, música, xente animando e moita diversión. Na meta o ambiente foi inmellorable e ata alí chegaron os primeiros corredores. Na categoría masculina o podio estivo formado por Jorge Puig, Gustavo Santiago e Hugo García e o feminino por Natalia Castro, Sabela Martínez e Isa Caeiro, sendo estas dúas, ademáis, atletas da Gimnástica.

Os primeiros en categoría masculina e feminina foron agasallados cun trofeo, una rosca proporcionada por A Devesa e o tradicional lacón, obsequio de Froiz. Os segundos e terceiros postos non foron de mans baleiras, posto que, ademais do trofeo, levaron cada un unha rosca da que sabemos que deron boa conta!

Na categoría de disfraces, ó non haber disfraces de grandes grupos, o xurado decidiu dar dous premios individuais, sendo estes para La abuela pitufa e o buzo.

Outro ano despedido con deporte e festa… 5412 grazas de parte da organización e do Banco de Alimentos de Pontevedra. A vosa diversión vai ser unha grande axuda para moitas persoas.

Vémonos no 2024!!