XXIX Trofeo Cidade de Pontevedra (30/11/2024)

XXIX Trofeo Cidade de Pontevedra (30/11/2024)

O último sábado de novembro estivo pasado por auga a ratos, pero cheo de atletismo durante toda a mañá no CGTD, onde se celebrou o XXIX Trofeo Cidade de Pontevedra, última proba do Circuíto de Atletismo en Pista deste ano, que fora adiada por mor das obras levadas a cabo nas pistas.

No lanzamento de peso a mellor da xornada foi Evelyn Fernández, do Club Atletismo Narón, lanzando 10.85 metros, seguida de María Teresa Janeiro, do filial Club Atletismo Sada e seguida de Erika Fernández Guede, tamén do Club Atletismo Narón.

Na categoría de lanzamento de peso de 3 kg a mellor foi a atleta do Rías Baixas, Aitana Capeáns, seguida de Sabela Vázquez, do Beade, que asinou unha mellor marca persoal e da atleta da Gimnástica, Cristina Martínez, que conseguir a súa mellor marca da tempada.

No lanzamento de peso de 1kg as tres mellores foron as atletas da Gimnástica Sara Mourente, Xiana Estévez e Sabela Coejo.

No caso da categoría masculina, foi Hugo Novoa, do CD La Purísima quen conseguiu o primeiro posto na categoría de 4kg, sendo os 12.05 metros conseguidos a súa mellor marca persoal. No caso do peso de 5kg, o mellor foi Martín Liñares, do Club Atletismo Negreira e o mellor lanzando o artefacto de 6kg o mellor foi o actual Campión Galego, o Gimnástico Eloy Acuña, establecendo a súa mellor marca persoal en 11.83, seguido do seu compañeiro, Samuel Fernández. Eloy tamén sería o mellor na proba de lanzamento de disco, no seu caso, de 1,5 kg, augurando unha moi boa tempada para este 24-25.

No peso de 1kg os tres primeiros postos foron para os atletas do club, Teo Castiñeira, Álex Gómez e Adrián Bienvengut.

No triplo destacaron, en cateogría feminina, as gimnásticas Irati Legazpi e Marina Artemia Pérez, primeira e segunda respectivamente, acompañadas de Noa Currás, terceira, que conseguiu unha nova marca persoal. Marina, ademais, sería a primeira na súa final do 60 metros lisos. No caso dos rapaces, non houbo marcas persoais, pero destacaron Gonzalo Cuns, do Negreira, Isaac Casal, da Gimnástica e Bruno Castro, do Ferrol Atletismo, primeiro, segundo e terceiro, respectivamente.

Na distancia longa, neste caso os 2000 metros lisos, de novo se impuxo, con autoridade, Sabela Martínez, atleta da Gimnástica, que asinou un primeiro posto por diante da atleta do SD Compostela Atletismo, Paula Fernández e de Leyla Villar, do Ourense Atletismo. En categoría masculina o máis rápido o gimnástico David de la Fuente, quen chegou primeiro con vantaxe sobre o seu compañeiro, Pablo Ulla, quen foi segundo desta vez.

Durante a mañá tamén se disputaron probas de velocidade, como o 50 metros lisos ou o 500, onde Lía Geralavicius, atleta do club, quen ven de facer podio no I Cros Cidade de Pontevedra hai unas semanas, foi a máis rápida na súa final de categoría sub10-12.

Na proba dos 60 metros lisos cabe destacar a final 2, onde os tres primeiros clasificados, os irmáns da Gimnástica Guillermo e Nicolás Piñeiro López, e o atleta do CD Pinarium, Óscar Rodal, conseguiron as súas novas mellores marcas persoais, como tamén fixo a súa compañeira Carlota Vázquez, esta vez na súa final do 300 metros lisos, sendo segunda por detrás da tamén gimnástica Marina Artemia Pérez.

Con estes grandes resultados púxose final ó Circuíto de Atletismo en Pista 2024. Dende o club agradecemos a Froiz polo seu apoio á promoción do atletismo e da práctica deportiva, así como ó resto de colaboradores e organizadores pola súa implicación e axuda.

A próxima parada do club é a organización da San Silvestre 2024, que traerá novidades. Atentos ás redes!

I Cros Cidade de Pontevedra 2024

I Cros Cidade de Pontevedra 2024

Comezou a tempada para os máis pequenos no I Cros Cidade de Pontevedra celebrado a mañá deste domingo 10 de novembro na Illa das Esculturas, con case 700 deportistas inscritos.

Foi unha mañá na que os cativos se puxeron a proba nun circuíto cheo de barro nunha mañá na que a chuvia non fixo demasiado acto de presenza.

Inauguraron a mañá, dentro do Zonal de Xogade de Pontevedra-Salnés-Ulla Umia, de categoría cadete (mixto), onde o máis rápido dos rapaces foi Martín Otero, do Pinarium, seguido por Joaquín González, da Gimnástica e de Pablo Barreiro, tamén do Pinarium. No caso das rapazas, a primeira en completar o circuíto foi Sabela Abarca, da Gimnástica, seguida da súa compañeira, Carla Santoro, sendo terceira a atleta do Pinarium, Matilda Veiga.

A seguinte categoría en tomar a saída foi a infantil, cun podio que formaron Daniela Bayón, do Club Atletismo Cambados, Adriana Fraga, do Rías Baixas e Irene Burgos, do Beade, no caso da categoría feminina e por Xurxo Varela do Ría Arousa O Grove, Ángel Rodríguez do Beade e Paio Estévez, da Gimnástica.

Xusto despois foi turno dos alevíns, onde o primeiro posto masculino foi para Antón Fuentes, do Beade, o segundo para André Rodríguez, do Comesaña Sporting Club e o teceiro para Santiago Domínguez. O primeiro gimnástico en pasar por meta foi Teo Castiñeira, quen foi cuarto. En categoría feminina a máis rápida foi Lía Geralavicius, seguida das atletas do Beade, Fernanda Mateo e Mía Lago. O cuarto e quinto posto foron para Silvia López e Sofía Diz, ambas atletas gimnásticas.

Pecharon a parte da competición correspondente ó zonal de Xogade os benxamíns, onde foi primeiro Nico Camino, do Pinarium, seguido de Diego Blanco, do Rías Baixas e Mauro García, do Beade. O Gimnástico máis rápido en cruzar a meta foi Teo Aboy, seguido do seu compañeiro Marco Geralavicius. No caso das rapazas, a máis veloz foi Gloria Prada, do Sociedad Atlética Val Miñor, sendo segunda a Gimnástica Lidia Laredo e terceira Allie Cellerino, do Beade.

Tras eles, foi turno da competición federada sub16, sub18 e sub20 mixto, onde Pepe Sánchez del Valle fíxose coa primeira posición, nun duelo durante toda a carreira co gimnástico Pablo Ulla, quen finalmente foi segundo, seguidos moi de preto tamén durante todo o percorrido polo terceiro clasificado, Hugo Dopazo.

No caso da carreira feminina a máis rápida foi Sabela Martínez, da Gimnástica, seguida da súa compañeira Aroa Barbeito e de Candela Lago, do Atletismo Noia.

Pecharon a xornada de competición os atletas participantes no sub23, sénior e máster mixto, conseguindo o trofeo feminino as gimnásticas Isa Caeiro e Paula de la Torre, primeira e segunda respectivamente e acompañadas no podio por Ángeles Padín, do Atletismo Arenteiro. O podio masculino, pola súa banda, estivo formado polo atleta da Asociación Deportiva Atlética do Sil, Alejandro Pesado, xunto con Ismael Lago, do San Miguel de Marín e de Iago Pereira, da Gimnástica.

Na clasificación por equipos a Gimnástica foi primeira na categoría cadete feminina e segunda na masculina e primeira nas categorías infantil, alevín e benxamín tanto feminina como masculina.

Noraboa a todos os atletas!

Foi unha mañá de moito barro, algunha caída e moito deporte. A próxima parada para o noso club é o XXIX Trofeo Cidade de Pontevedra, sexta proba do circuíto de atletismo en pista que se celebrará o vindeiro sábado 30 de novembro en xornada de mañá nas pistas do CGTD de Pontevedra.

Cros Cidade de Pontevedra 2024

Cros Cidade de Pontevedra 2024

Comeza a tempada de competición para os máis cativos na provincia. Este próximo domingo, 10 de novembro, a Gimnástica organiza o Cros Cidade de Pontevedra (Illa das Esculturas).

Despois do Medio Maratón, a Gimnástica volve organizar un evento deportivo na cidade coa intención de promover a práctica do atletismo na nosa cidade, esta vez cambiando o asfalto pola terra e o barro.

A competición está composta, por unha banda, da xornada zonal do programa Xogade para nenos e nenas das categorías benzamin, alevín, infantil e cadete e, por outra, da proba federada e popular para deportistas nados en 2009 e anos anteriores.

Nesta última haberá trofeos para os tres primeiros postos de cada categoría e xénero. As inscricións están abertas na plataforma Carreiras Galegas ata o mércores 6 de novembro ás 23:59 horas.

Na competición tamén haberá categorías Máster 1 (35 a 39 anos cumpridos), Máster 2 (40 a 49 anos cumpridos) e Máster 3 (50 anos en diante), realizando a inscrición mediante a mesma plataforma.

Podedes consultar o regulamento, así como os horarios e os percorridos na páxina de Carreiras Galegas.

XLII Gran Fondo Caixabank 2024 – Pablo Otero e Sara Castillo reinan en Pontevedra

XLII Gran Fondo Caixabank 2024 – Pablo Otero e Sara Castillo reinan en Pontevedra

A mañá deste domingo 20 de outubro, con todas as previsións climatolóxicas favorables, déronse cita en Ponteveda os case 1750 participantes nesta edición do Gran Fondo Caixabank 2024.

Ó final, a chuvia fixo acto de presenza gran parte da xornada, que inauguraron os máis pequenos, disputando a súa carreira, de 950 metros, cun circuíto celebrado íntegramente no interior da pista do CGTD, recibindo todos eles a súa medalla de finisher de recordo, para moitos, da súa primeira carreira.

Seguíronlles os participantes do 10k, que completou na inscrición as 500 prazas reservadas para esta distancia. Ás 10:30 horas finalmente tomaban a saída na Ponte dos Tirantes un total de 394 atletas que percorreron a distancia seguidos dos participantes do Mini Gran Fondo (atletas nados entre os anos 2007 e 2017). Á cabeza da categoría absoluta feminina estaba este ano a olímpica Ester Navarrete, quen cumpriu co seu obxectivo e fíxose coa victoria na proba atravesando a liña de meta en 00:35:12, seguida da atleta da Gimnástica, Marina Mullunesh Porteiro, quen o fixo en 00:40:17 e, tras ela, facía o propio a terceira clasificada, Marina Losada, cun tempo de 00:43:11.

No cadro masculino o máis rápido da distancia 10k foi o gimnástico Pablo Ulla, que rematou o percorrido en 00:33:26, seguido de Pepe Sánchez del Valle, que fixo un tempo de 00:33:42 e de Diego Paz, que atravesou a meta en 00:34:07.

Tras eles, ás 11 de mañá en punto deuse o pistoletazo de saída da distancia raíña, o 21K, onde tomaron a saída 855 dos inscritos. O trío que posteriormente compuxo o podium masculino dominou prácticamente a totalidade da carreira, chegando primeiro Pablo Otero, quen conseguiu, cun tempo de 01:07:12, revalidar o título acadado na edición anterior nun lembrado duelo con Reyes Estévez. Foi segundo Francisco Cabrera, moi preto, que asinou 01:07:16 e a terceira posición, tamén moi axustada, foi a de Anxo Castro, que cruzou a meta en 01:07:29.

O podium feminino foi reñido e emocionante. A primeira posición foi para Sara Castillo, quen corría a primeira carreira de longa distancia tras ser nai, e que soubo medir os tempos para impoñerse con autoridade na proba chegando a meta en 01:22:38. A segunda e terceira praza decidíronse a escasos vinte metros da meta onde Natalia García e Sonia Abad puxeron a emoción ó final do podio esprintando e adiantándose en numerosas ocasións para pelexar polo mellor posto, sendo finalmente Natalia segunda (01:24:56) e Sonia Abad, terceira (01:24:57).

Na proba participou tamén a marchadora da Gimnástica, preseleccionada para as remudas mixtas en París 2024, Antía Chamosa, quen, non sendo a súa especialidade e sen tempo dabondo para preparala, foi finalmente sexta na clasificación xeral.

Mención especial cabe facer ós atletas da Gimnástica, David de la Fuente e Isa Caeiro. Ambos participaban por primeira vez na distancia raíña, o Medio Maratón. David, sen preparar realmente a proba, completou a distancia entrando a meta en oitava posición e Isa Caeiro, pola súa parte, acompañada na súa primeira incursión na distancia polo seu entrenador, Manuel Hurtado, foi alternando o segundo e terceiro posto durante case toda a proba, sendo finalmente cuarta tras un contratempo ó seu paso polos últimos controis.

Dende o club damos grazas ó patrocinador principal, Caixabank, pola súa implicación un ano máis, e ó organizador xunto coa Gimnástica, o Servizo de Deportes do Concello de Pontevedra. Tamén ós colaboradores, Xunta de Galicia a través de Deporte Galego e a todos os que proporcionan os detalles que reciben os participantes (Coca Cola, Froiz e A Devesa). Tamén a Galmotor, quen facilita os vehículos necesarios para realizar o transporte de todo o material da proba.

Agradecemos tamén a entidades como a Federación Galega de Atletismo, a Brilat, a Escola Naval Militar, Protección Civil e Ofivol a súa aportación con persoal e material para garantir a seguridade e comodidade tanto dos atletas como da propia organización.

A Lactic Studio por todo o traballo e o deseño do cartel e da camiseta que tanto vos gustou este ano.

E por último, damos a grazas a todos os atletas que se inscribiron, aos que participaron, aos que animaron, a todos os pais, nais, avós e familiares que desafiástedes á chuvia para que os vosos correran a súa primeira carreira ou para darlle folgos un día máis a quen corre con asiduidade. Vós facedes posible o Medio Maratón cada ano.

Parabéns a todos por unha edición máis de atletismo e vémonos o ano que vén!

Os irmáns Chamosa, no Gran Fondo Caixabank 2024

Os irmáns Chamosa, no Gran Fondo Caixabank 2024

Seguimos cos anuncios de participación para a cita do próximo 20 de outubro.

Antía Chamosa, quen vén dos Xogos Olímpicos de París, onde estivo preseleccionada para as remudas mixtas, comezará a pretempada na proba que organiza a Gimnástica xunto ó seu irmán, Dani Chamosa. Ambos participarán na distancia de Medio Maratón.

A escasos 10 días de pechar definitivamente as inscricións, os números xa están por riba dos acadados na edición anterior. A data de hoxe (martes) quedan só 150 prazas para medirse ós irmáns Chamosa na distancia de Medio Maratón e apenas 110 prazas para completar o 10k e batirse coa olímpica Ester Navarrete.

Lembramos que o peche de inscricións será o 13 de outubro, así que non o pensedes moito se queredes formar parte deste evento!

1000 atletas no Gran Fondo Caixabank 2024

1000 atletas no Gran Fondo Caixabank 2024

A piques de rematar o segundo prazo de inscrición, o Gran Fondo Caixabank 2024 xa ten 1000 inscricións completadas.

Lembramos a todos os interesados que o prazo para anotarse, tanto para o 10k como para a distancia Medio Maratón, este segundo prazo de prezo reducido remata o día 30 de setembro a medianoite e que, a partires de entón entraremos no último prazo de inscrición, xa con prezo normal, sendo o último día para inscribirse o 13 de outubro.

No caso dos máis pequenos, o prazo límite de inscrición será o día 17 de outubro, sen variación de prezo (1 euro que se acumulará para sortear vales desconto para material deportivo).

A edición 2024 do Gran Fondo entra na recta final. Vémonos o 20 de outubro na ponte dos tirantes!