Esta fin de semana do 31 de maio e 01 de xuño case todas as categorías e atletas disputaron os seus títulos autonómicos e provinciais, demostrando estar en perfecntísimo estado de forma na recta final da tempada de aire libre.
Ata Ferrol foron os atletas de Combinadas, onde o gimnástico Paco Lamas proclamouse Campión Galego de Combinadas en categoría sub20, conseguindo ademais algunha nova marca persoal, como a do 100 metros lisos no decathlon.
Na casa xogaron os nosos atletas sub18. O CGTD foi o lugar onde disputaron o autonómico ó aire libre da súa categoría. Os ouros e, polo tanto, os títulos de Campións galegos conseguíronos Isaac Casal en triplo salto, Sabela Martínez no 1500, Paula Fernández o 3000 metros lisos e Guille Piñeiro no 110 metros valos. Guille e Isaac ademais subiron unha segunda vez ó primeiro posto do podio para recoller o ouro conseguido polo equipo de relevos masculino 4×100, formado tamén por Pablo Coladas e Óscar Otero.
Irati Legazpi no salto de lonxitude foi a única prata conseguida na xornada e os bronces foron para Carlota Vázquez, no 100 metros valos, Hugo Collazo e María Estévez no 2000 obstáculos, Noa Currás no triplo salto e Álvaron Fontán no salto con pértega.
Tamén foi fin de semana de competición para os máis pequenos, que foron ata Vigo para disputar a final provincial do Xogade. Destacou Alicia Gallego, que fixo o dobrete cos seus primeiros postos de salto de altura e lonxitude, ademais de recoller o bronce conseguido polo relevo do que formou parte. Tamén subiu ó podio, pero desta vez para recoller a prata, Sabela Coejo, que fixo un gran traballo no lanzamento de pelota, e no terceiro peldaño do podio estiveron Lidia Laredo (400 metros lisos), Cayetana Diz (lanzamento de pelota) e os atletas do relevo 4×50 mixto, Xoel Moledo, Lidia Laredo, Alicia Gallego e Cayetana Diz.
Os máster tamén demostraron ser un exemplo para todos os que veñen detrás. Ata Santiago chegou o equipo para disputar o seu Campionato Galego, volvendo a casa cun estupendo balance.
Conseguiron o título autonómico Víctor Gallego en lanzamento de peso e disco, compartindo ademais podio co seu compañeiro, Imanol Cardona, que foi segundo en ambas disciplinas, e con Santi Ferrer Alonso, bronce en peso. Santi Ferrer conseguiu tamén o título autonómico en salto con pértega e no 110 metros valos, como tamén fixo Imanol Cardona, que recolleu o seu ouro ó ser o máis rápido no 400 metros lisos. Helena rey foi a mellor en lanzamento de peso e Banesa Currás fixo o propio en disco. Miguel de Jesús conseguiu ser o mellor no salto de lonxitude como tamén fixo Esperanza Caldas no 400 metros lisos e Carlos Sánchez en peso. O último ouro máster foi para Loreto Brea en lanzamento de martelo e martelo pesado.
As pratas chegaron, ademais de con Imanol Cardona, con Noelia Rivadulla (100 metros lisos), Santi Ferrer Moreira en lanzamento de peso e disco, Ángel Moldes fixo doblete levando as pratas nos 100 metros lisos e no 100 metros valos e conseguiu o bronce no salto de lonxitude. Miguel de Jseús foi segundo tamén no 100 metros lisos, Sandra Carballo foi o segundo mellor lanzamento no disco e Paco Suárez foi o segundo mellor tempo no 1500.
Sen dúbida unha fin de semana onde pudimos comprobar o excelente estado de forma de todas as categorías do noso club e o enorme traballo realizado por todos os atletas e adestradores. Parabéns a todxs!