Onte, mércores 09 de abril, cun tempo máis propio case do mes de agosto, máis de 200 atletas de distintas categorías déronse cita no CGTD para dar comezo ó Circuito de Atletismo en Pista 2025 coa celebración da segunda edición do Control Escola de Atletismo da Sociedad Gimnástica de Pontevedra.
Este control está pensado para os máis pequenos, sendo os atletas participantes maioritariamente das categorías da canteira (sub10, sub12 e sub14).
Ademais de divertirse practicando o atletismo, moitos deles remataron a xornada mellorando as súas marcas persoais e incluso conseguindo a súa mellor marca da tempada, como foi no caso do salto de altura masculino, onde os dous mellores fixeron a súa mellor marca da tempada (Adrián Sacristán do CAR Redondela e o gimnástico Enzo Alfonsín) e o terceiro, Nico Camino, do Pinarium, mellorou a súa marca persoal ou as rapazas de peso de 2 kg, onde as primeiras tres clasificadas, as gimnásticas Valentina Vidal, Valeria Barros e Gara Manuel voltaron a casa con novas mellores marcas persoais.
Por outra banda, os atletas máis maiores tiveron a oportunidade perfecta para poñerse a proba e rematar de pulir os detalles para a tempada de aire libre e o campionato de Liga que, no caso das rapazas, será na casa o sábado 26 de abril.
Sen dúbida o Circuito Froiz de Atletismo en Pista 2025 non podía comezar de mellor maneira. A próxima cita será o mércores 07 de maio, tamén no CGTD, coa celebración do LI Trofeo Boa Vila.
Trackbacks/Pingbacks