Quedan poucas horas para o peche do primeiro prazo de inscricións e xa temos os primeiros atletas de nivel confirmados. Entre eles destaca o dobre bronce mundial en Atenas 1997 e Sevilla 1999.

Reyes Estévez, nado en Cornellá de Llobregat en 1976, estará o próximo 16 de outubro na liña de saída do medio maratón do Gran Fondo Caixabank. No seu longo palmarés conta cun posto de finalista nos Xogos Olímpicos de Atenas 2004 e varias medallas internacionais e nacionais.

Foi terceiro en dous mundiais de aire libre, en Atenas 1997 e Sevilla 1999. A nivel continental é campión europeo en Budapest 1998 e subcampión en dúas ocasións. En aire libre en Munich 2002 e baixo teito en Lisboa 2001. En pista cuberta, tamén quedou terceiro no Europeo de Madrid en 2005 por partida dobre, nos 1500ml e nos 3000ml.

Esta noticia coñecémola poucas horas antes de que peche o primeiro prazo de inscricións. Lembramos que ese prazo remata o 30 de setembro ás 23:59h. Nel o custo da inscrición é de 20€ para o medio maratón e de 10€ para os 10km. A partir desa data e ata ás 23:59h do 9 de outubro, o prezo por anotarse será de 5€ máis caro en cada proba.

Por agora, xa hai case 400 inscritos na distancia longa e case 200 na curta. Na proba dos máis cativos, presentada por primeira vez este ano, o número de anotados rolda xa os 40 inscritos.