A centrocampista da Selección Española de fútbol e vixente Campiona do Mundo (Sydney, 2023) será a encargada de dar a saída da San Silvestre de Pontevedra 2023.

Tere Abelleira, peza máis que fundamental na clasificación para a final e puntal do equipo, formouse en diversos clubes da provincia, entre os que destacan o Poio Pescamar, antes de dar o salto á Segunda División, pero o que moitos descoñecen é que tamén ten un pasado Gimnástico, pois Tere foi parte das Escolas da Sociedad Gimnástica na tempada 2007-2008, pertencendo á categoría Benxamín.

Uns cantos anos despois volve como un referente do seu deporte, como unha das pioneiras, a dar a saída da San Silvestre o 31 de decembro, na Ponte do Burgo, ás 17 horas.

Dende a Gimnástica, onde gardamos un gran recordo dela, agradecémoslle a súa disposición e a colaboración connosco para facer que esta XL edición sexa un pouco máis especial. Unha Campiona do Mundo, nada menos! Grazas, Tere!