O V Saltar na Rúa celebrarase o sábado 28 de agosto ás 19:30h na Ponte do Burgo, en Pontevedra. Un ano máis a Sociedad Gimnástica de Pontevedra organiza este evento da man do Concello de Pontevedra e da súa concellaría de deportes.
O Saltar na Rúa é un evento que se empezou a organizar no nonaxésimo aniversario do club pontevedrés e que, dende entón, buscou achegar o atletismo ás rúas de Pontevedra. Para iso, fanse exhibicións de tres disciplinas atléticas como son o salto de lonxitude, o triplo salto e o salto con pértega. Deste xeito, o público poderá desfrutar desde deporte de xeito máis achegado, sen ter que ir ata un estadio.
Por segundo ano consecutivo organízase na Ponte do Burgo por ser un lugar menos concorrido e de paso e así pódense cumprir mellor as medidas sanitarias marcadas pola pandemia e evitar aglomeracións.
Para dar espectáculo, participarán atletas de nivel autonómico, nacional e incluso internacional. Unha participación que mesturará a nenos e nenas das escolas do club con algúns dos atletas galegos máis destacados das disciplinas.
24 atletas
En lonxitude competirán Andrea Villaverde, Matías Moldes, Marta Barragáns, Diego Míguez, Eva Queimaño, Pablo Modia, Lucía Sánchez e David Ferrer.
Sofía Rivas, Tomás Adega, Ariadna Gil, Adrián Villares, Tania Valverde, Xoel Otero, Alba Cuns e Alfondo Palomanes participarán en triplo salto.
No salto con pértega estarán Marina Pérez, Lisa Vosberg, Bea Viteri, Nerea Fernández, Óscar Monteagudo, Santi Ferrer, Tomás López e Gerson Vidal.
Na súa presentación oficial, celebrada o 24 de agosto no Concello de Pontevedra coa presenza de Santi Ferrer, director técnico da proba, e Tino Fernández, concelleiro de deportes, o político fixo alusión á seguridade que lle da organizar eventos coa entidade deportiva porque xa son expertos en probas atléticas, tanto por este evento, como as outras probas. E engadiu que “a pesar da pandemia organizáronse outros eventos como o Medio Maratón de Pontevedra ou a San Silvestre que este ano foi unha Rara, pero San Silvestre, grazas á Sociedad Gimnástica de Pontevedra, que é un club decano e dos máis destacados do atletismo galego”.
Trackbacks/Pingbacks