O tempo acompañou a que a Praza da Ferrería se enchese de atletismo. A partir das 19:30h da tarde do 27 de agosto o público e os deportistas encheron unha das prazas máis míticas da cidade de Pontevedra.

O salto de lonxitude co olímpico en 2016, Jean Marie Okutu, á cabeza encabezaron a sexta edición deste evento que xa é un habitual no verán pontevedrés. Nesa proba vimos os saltos da vixente campioa galega absoluta, Andrea Villaverde; da vixente campioa de España sub23 en combinadas Eva Queimaño; e doutros atletas como Noa Currás, Matías Moldes, David Ferrer, Valeria González e Juan Piñeiro.

Posteriormente, seguindo cos saltos horizontais, foi a quenda do triplo salto. Aí destacaron Alfonso Palomanes, plusmarquista autonómico; Anxo Blanco, atleta titular co equipo masculino da Sociedad Gimnástica de Pontevedra; de Ariadna Gil e Uxía Paz, campioa galega absoluta e cuarta de España sub23, respectivamente; así como doutros atletas como Tania Valverde, Xoel Otero, Raúl Cortizo ou Marina A. Pérez, gran promesa da entidade organizadora.

O evento terminou co salto con pértega que abraiou a todo o público cando atletas como Tomás López, Aitor Fernández, Santi Ferrer ou Alejandro Villaverde saltaron por encima dos 4m de altura e “voaron” coa igrexa da Peregrina de fondo. Tamén participaron Marina A. Pérez, Manuela Blanco, Nerea Fernández e Lola Bouza.

Un ano máis, e xa van seis, o Saltar na Rúa volve a triunfar na cidade de Pontevedra. Nesta ocasión xa de volta á Praza da Ferrería, lugar de onde fora desprazado cara a Ponte do Burgo durante os dous anos nos que o evento estivo marcado polas restricións da pandemia.