A terceira xornada do Circuíto de Atletismo en Pista segue o mesmo sentido que as anteriores. Éxito na participación e nos rexistros. Superado xa o ecuador do evento, organizado pola Sociedad Gimnástica de Pontevedra co patrocinio do Concello de Pontevedra e de Supermercados FROIZ, nótase o bo estado de forma no que se atopan os atletas.
Un dos momentos máis emocionantes vivímolos nos 110m valos cunha chegada apertada de David Vicente (14.42)e Gerson Vidal (14.43). Un man a man que se decidiu sobre a liña de meta. Tamén se realizaron bos rexistros nos 400ml tanto masculinos como femininos. Por un lado, Jacobo Soler (47.25) e o gimnástico David Abalde (48.43), primero e segundo, bateron a súas marcas persoais da tempada. En féminas tamén bo rexistro da atleta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra Lia Caride con 58.39.
Na velocidade feminina tamén hai que salientar os 12.41 de Cristina Garrido nos 100ml. No resto das carreiras, sobresae o dobrete das atletas da entidade organizadora nos 600ml. Impúxose Sabela Martínez con 1:37.36 e foi segunda Paula Torres con 1:39.11.
Nos concursos, Juan Piñeiro voou ata os 7,13m en salto de lonxitude; e en lanzamento de martelo, Anxo Filgueira achegouse ata a súas mellores marcas persoais cun mellor intento de 49,67m e, polo tanto, quedou moi preto dos 50 metros.
A seguinte xornada do Circuíto será o mércores, 21 de xuño. Trátase do XXIV Memorial Celso Mariño.
Trackbacks/Pingbacks