Con motivo del 90 aniversario de la Sociedad Gimnástica de Pontevedra, el diario digital Pontevedra Viva ha realizado una entrevista a uno de los atletas más representativos que han pasado por nuestro club, Martín Brea.

– Cando empezaches coa Gimnástica?

Pois a finais dos 80 debeu ser. Eu estaba adestrando no San Narciso de Marín co Pai Simón. Despois coñecín a Santiago Ferrer e funme á Gimnástica, con 16 ou 17 anos.

– O club vai facer 90 anos e ti fuches protagonista en moitos deles.

Tiven uns pequenos impases nos que estiven no Chapín de Xerez, que estaba na máxima categoría, ou no CDU, Club Deportivo da Universidade de Santiago, e tamén no Atletismo Coruña, todos eles en División de Honra. Despois foi cando volvín á Gimnástica para quedar, aínda estabamos en Primeira División.

– Chegou o ascenso e despois moitas vivencias na máxima categoría, desde pelexar ata o último día pola permanencia ata chegar á final polo título, con que quedas desa etapa?

Quedo con todo, porque competir na liga de clubs é especial, non compites para ti, falo representando á túa cidade, ao club e ten unha carga de responsabilidade bastante grande. Debes facer a mellor marca, porque un punto suma, de feito lembro unha vez creo que fora en Ourense que quedamos a medio punto de ascender.

– Vindo de clubs potentes como Chapín ou aquel de a Universidade de Santiago, había moita diferenza?

Claro. Metinme uns cuantos viaxes coa Gimnástica, porque viña dun club como Chapín que ías en avión, e aquí creouse outra atmosfera, aquizás aí está esa áurea de estar a gusto. Temos chupado na mesma tempada dúas viaxes seguidas a Málaga, moitas horas, coñeces xente… Noutros clubs a relación era boa pero máis impersoal. Aquí era un club de pico e pa, na Gimnástica eramos rapaces de aquí, algún de fóra pero xente de aquí polo xeral.

– Esa mestura mantívose cos anos, aínda que ás veces faise complicado, non crees?

Teñen que saír máis rapaces, pero custa facer un atleta de certo nivel, son moitos anos, hai que ter sorte e costa. Ás veces hai probas que non se poden cubrir co suficiente nivel para estar en División de Honra, algunha fichaxe hai que ter. O equipo feminino por exemplo case todas as rapazas son de casa, antigas atletas tamén que ficharon para axudar, xuntar o novo e o vello.

– Tocouche vivir de preto o caso de Santiago, onde se pagaba moito e ao final o club foi insustentable. Que complicado é que un club teña tanta continuidade no tempo como a Gimnástica.

Un club que estea feito única e exclusivamente a base de pagar ten unha caducidade, porque cando chega unha época de crise, unha época na que non hai tanta pasta a xente marcha e está abocado polo menos a empequenecer. Sen embargo se segues como a Gimnástica, que nunca perderon a cabeza, isto continuará ata que se queira.

– Segues adestrando no CGTD de Pontevedra, ves canteira?

Claro que si, pero un rapaz que ten 12 ou 13 anos ata que pode competir no equipo absoluto ao mellor pasan 7-8 anos, hai que ter paciencia. Nestes tempos de PlayStation e fútbol a tutiplén é complicado atraer rapaces para o atletismo, pero aquí agora hai bastantes fichas e a escola funciona moi ben. Ademais os monitores están moi formados, universitarios con título de monitor ou adestrador nacional e iso é unha diferenza moi importante con respecto a hai anos.

– Falas de captar xente, como atraerías aos mozos para que practiquen non só atletismo senón disciplinas como a túa, os lanzamentos?

É moi complicado, e ademais para os lanzamentos aínda custa pese a que están a cambiar as cousas. Antes algunha xente pensaba que aos lanzamentos ían os gorditos que non corren, pero para ser un lanzador de certo nivel necesitas correr moi rápido, saltar moi alto ou moitos metros, necesitas ser unha persoa moi potente. Para ser un lanzador de certo nivel como pueder ser agora Víctor Gallego hai que ter unhas capacidades físicas extraordinarias.

– Algunha idea entón?

Unha das maneiras pode ser facer competicións non só na pista, trasladar os lanzamentos a outra parte. Non sei, no medio de Pontevedra, por que non facer un campionato de peso na praza de España ou na Avenida Montero Ríos?

– Achegarse á xente?

Excato, mellor non o podería dicir, achegar o atletismo á xente e saír de aquí, da pista. Que a xente probe, que toque un peso, un disco ou unha xavelina. Esa é a idea, sacar os lanzamentos da pista.

– Volvendo á Gimnástica, con todo isto e vendo a situación do atletismo actual, veslle un longo futuro ao club?

Home claro, máis de 100 anos e de 200, os que quedan, claro que si.

Para ver la entrevista entera: http://pontevedraviva.com/deportes/37671/martin-brea-tempos-playstation-futbol-complicado-atraer-rapaces-atletismo/